JEALSA loce empuxe innovador perante representantes do estado de Ceará (Brasil)

18 Setembro 2019

20190918 O conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o gobernador de Ceará (Brasil), Camilo Santana, visitaron este mércores 18 de setembro as instalacións de JEALSA en Bodión, Boiro, co obxectivo de mostrar o importante equipo humano, técnico e tecnolóxico da conserveira ante a delegación institucional-empresarial comandada por Santana, e coa finalidade, tamén, de establecer un marco concreto de colaboración galego-brasileira. Durante a visita, Conde lembrou o carácter referencial de JEALSA no tecido produtivo galego e estatal e, tamén, nos procesos de transformación da nosa industria.

Segundo recordou, “trátase da primeira conserveira de España e a segunda de Europa”, e é, dixo, “un modelo a seguir, apostando pola innovación cunha das fábricas máis modernas do mundo e un almacén robotizado, e coa súa participación no programa de Unidades Mixtas de Investigación no eido da fábrica do futuro”.

Tamén subliñou “a busca de novos mercados e a internacionalización e a diversificación dos seus produtos”, así como “a aposta da conserveira pola economía circular”.

Conde enxalzou perante o gobernador de Ceará a importancia do sector conserveiro para a economía galega, que representa o 3% do PIB e xera 12.400 postos de traballo directos, e “que acadou o ano pasado un novo récord de volume de produción, con 303.885 toneladas, o 86% da produción nacional, mentres que as exportacións suman cinco anos consecutivos de crecemento”.

Amais, o conselleiro convidou a Camilo Santana e á delegación brasileira a visitar Galicia de novo con motivo da celebración do Xacobeo 2021.

Por certo que durante o transcurso da visita ás instalacións da conserveira tamén se procedeu a formalizar un acordo de colaboración entre a empresa boirense e o devandito estado brasileiro, un acordo que, en palabras de Conde, “abre novas novas oportunidades para afondar na colaboración entre os dous territorios”.

Santana tamén visitará hoxe a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Susana Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. Nela a delegación do estado de Ceará poderá coñecer as instalacións da man do director da escola, que colabora coas empresas da zona para que os alumnos poidan realizar as súas prácticas en centros reais de traballo e tamén coas confrarías de pescadores de cara a impartir os cursos náutico-pesqueiros dirixidos aos profesionais do sector.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Política redistributivas” – José Manuel Pena

“Política redistributivas” – José Manuel Pena

A Unión Europea sempre estivo comprometida, polo menos en teoría, coa redución da pobreza e a exclusión social. Actualmente e de fronte ao futuro, segundo algúns expertos, requirirá un cambio de paradigma nas políticas económicas, cuxo punto de partida deberá ser o...