Boiro será epicentro do voleibol con motivo da Copa Galicia

20190926. A trixésimo sétima edición da Copa Galicia de Voleibol Masculino disputarase o sábado 28 no pavillón da Cachada. Deste xeito, Boiro converterase en punto de encontro dos catro mellores equipos nacionais deste deporte na súa categoría masculina. Os encargados de dar a coñecer as características deste evento foron o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo; o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna; e o capitán do equipo Rotogal Boiro Voleibol, Pablo Nieto.

O edil explicou que pola mañá celebraranse as primeiras semifinais polo que, ás 10.00 horas, enfrontaranse o Intasa San Sadurniño e o Rotogal Boiro; mentres que, ás 12.00 horas, será a quenda do Emevé Lugo e o Voleibol Dumbría. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, terán lugar os partidos polo terceiro e cuarto posto para, ás 19.00 horas, dar paso á gran final co obxectivo de coñecer que equipo se alza coa vitoria. Ademais, Marcos Fajardo expresou a súa preferencia polos boirenses, co cal quedaría así o título na casa, “e para elo van a loitar contra grandes equipos.”

Pola súa parte, José Ángel Luna agradeceu a colaboración do Concello de Boiro e expuxo que “Galicia, nos últimos anos, é unha potencia a nivel nacional en voleibol de elite.” De feito, precisou que “somos a territorial que mais equipos temos na Superliga 1 e na Superliga 2”, polo que “esta fin de semana é unha boa ocasión de ver como están as plantillas dos catro equipos para afrontar esta tempada que empeza.”

Finalmente, como capitán do Rotogal Boiro, Pablo Nieto, afirmou que en cada unha das Copa Galicia “desfrutámolas e competimos coma se nos fose a vida niso, e o que vamos intentar é que, xa que temos a sorte de disputala na nosa casa, que quede aquí neste concello.”