Boiro Novo cualifica o goberno municipal de “mínimo cando non insuficiente”

24 Setembro 2019

20190924. Con motivo dos cen días de goberno municipal do PSdeG-PSOE, desde a formación Boiro Novo indican que “non podemos facer unha valoración satisfactoria” porque, segundo sinalan, o alcalde José Ramón Romero comezou “xa mal a súa andadura” cando “antes que apoiarse nos grupos da esquerda que lle ofreceramos o noso apoio, preferiu facelo no PP, tanto para conformación dese goberno como como para aprobar uns soldos excesivos, na liña dos da anterior lexislatura, cando non superiores.”

Ademais, o partido manifesta que actualmente Boiro “segue arrastrando grandes eivas sen visos de solución inmediata”, poñendo como exemplos, en materia medioambiental, “as queixas este verán polo deficiente servizo de limpeza de praias que empeorou con respecto a outros anos; as rúas tampouco se baldearon coa frecuencia necesaria tendo que seguir padecendo os veciños cheiros e focos de insalubridade en moitas delas”, así como no ámbito dos servizos sociais, pois expresa que “foi abraiante escoitar aos membros do equipo de goberno respostar á pregunta da nosa concelleira que non sabían nada dunha persoa en situación de desafiuzamento no noso concello cando xa era algo publico que mesmo foi publicado na prensa.”

No que respecta á cultura e educación, Boiro Novo apunta que a apertura de Radio Boiro “segue paralizada a pesar de que nas conversas  co partido socialista  se comprometeran coa nosa asemblea á súa apertura antes de rematar este ano”, ademais de que “presentamos tamén unha proposta para mellorar as axudas das familias cos gastos escolares recibindo unicamente negativas por parte do PSOE.”

Por outra banda, a formación afirma que “hai certas melloras democráticas que valoramos positivamente como a difusión pública dos plenos, non menos certo é que seguimos sen ter activos órganos que permitan a necesaria fiscalización do goberno  como a Xunta de Portavoces Municipal.” Así mesmo, critica a contratación “dunha responsable de propaganda do goberno, unha praza que dende a nosa formación entendiamos que debera ter unha perspectiva totalmente diferente e que ademais debera ser cuberta en base a baremos neutrais para estar a disposición de toda a corporación así como dos distintos axentes sociais do concello.”

Deste xeito, precisa que “a nosa asemblea non pode dar un aprobado á xestión deste goberno municipal nestes 100 días”, pois entende que o goberno local está “máis preocupado por saír nas fotos e que unicamente puxo impedimentos para colaborar de xeito estable co resto da esquerda”, instándoo a que “deixe de mirar á súa dereita e volte ao clima de acordos previo á investidura.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión