Boiro contará cun servizo de estimulación terapéutica e dúas charlas

20190916. O municipio de Boiro converterase en sede de proxectos desenvolvidos pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer (AGADEA) e Obra Social ‘la Caixa’. Así o deron a coñecer esta mesma mañá o alcalde boirense, José Ramón Romero; o director de CaixaBank en Boiro, Francisco Sarasquete; a presidenta de AGADEA, Isabel Gey; e a directora do Centro de Día de Ribeira, Noelia Riaño.

Deste xeito, a sinatura dun convenio de colaboración permitirá ofrecer, nas instalacións do Centro de Día boirense, un servizo de estimulación terapéutica impartido por persoal técnico con experiencia. As sesións comezarán o 2 de outubro, realizándose os luns, mércores e venres, en horario de 15.30 a 18.30 horas. Isabel Gey indicou que o acordo xurdiu nunha única reunión co Concello, pois ” viron unha necesidade e un vacío” neste eido, traballando “coa xente recién diagnosticada ou aínda sen diagnosticar, cun deterioro cognitivo.” Polo tanto, desenvolveranse terapias non farmacolóxicas, con labores no campo da prevención. Os interesados poden solicitar máis información nos Servizos Sociais municipais e no teléfono da asociación 672705053.

Así mesmo, desenvolveranse dous coloquios no centro social de Boiro, de 19.00 a 20.30 horas. A primeira das charlas, a cal terá lugar o martes 17, versará sobre como intervir ante un trastorno de conduta e será impartido por Iria Veiga, psiquiatra no Hospital do Barbanza. A segunda celebrarase o mércores 18, a cargo de Noelia Riaño, directora do Centro de Día de Ribeira, dando a coñecer os beneficios da intervención non farmacolóxica coma son as terapias de estimulación. Respecto do primeiro ciclo, Noelia Riaño apuntou que adoita ser “un dos temas onde as familias teñen máis dúbidas, son de difícil manexo e teñen moitas veces esa incertidumbre, esa necesidade de coñecer a que son debido, como podemos manexalos, como intervir no domicilio”; mentres que na segunda xornada tratará sobre “os beneficios deste tipo de intervencións terapéuticas que realizamos e da importancia no tratamento, na prevención destas patoloxías, nas demencias en xeral e no alzhéimer en particular.” Unha oportunidade para que os asistentes expoñan os seus casos e dúbidas. Así, abórdase a estimulación cognitiva e a sensibilización.

Outro dos eixos que contempla o convenio é unha andaina teatralizada que se realizará, con data estimable o 23 de novembro, coa colaboración de Arousa NeO.

Na súa intervención, Francisco Sarasquete sinalou que “somos unha entidade moi comprometida, sobre todo, nos temas socias” querendo desenvolver unha nova actuación no concello boirense e seguir así nesta liña de colaboración para que “os veciños de Boiro poidan tamén verse beneficiados das obras sociais de CaixaBank.” En total, a entidade aportará 6.000 euros.

Pola súa parte, o rexedor José Ramón Romero expresou o seu agradecemento a tódalas partes e manifestou que “desde que entramos como goberno, a nosa prioridade é aumentar os servizos dos cidadáns de Boiro e este é un deles, sobre todo, o tema dos servizos sociais.” Ademais, expresou que estas accións “son moi importantes para o noso municipio, sobre todo, para os noso maiores porque o que van facer é fomentar o envellecemento de calidade destes mesmos e concienciar á poboación sobre este tipo de demencias.”

Un proxecto ao que agardan darlle continuidade no tempo, incrementando, incluso, as prestacións.