20190910. A festividade do Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000, terá lugar do 13 ao 16 de setembro na Pobra do Caramiñal, dándolle maior proxección ao concello xunto co Carme do Castelo e o Carme dos Pincheiros. De feito, cada ano congrega a xente que chega de diferentes puntos do territorio galego e, incluso, de fóra. Entre os motivos para achegarse figuran a curiosidade, a devoción, a petición ou o agradecemento, entre outros. Ao acto de presentación asistiron o alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos; e o presidente da comisión encargada de organizar estes festexos, José García.
A edil manifestou que “son unhas festas cunha ampla tradición”, polo que anima a todo o mundo a vivilas, e aproveitou para agradecer o traballo da comisión, Protección Civil, Policía Local e a tódolos traballadores do Concello que “fan posible que podamos desfrutar de todas estas actividades.”
Na súa intervención, José García, detallou a programación que inclúe xogos infantís, concertos de bandas de música e actuacións de orquestras pola noite, entre outros. A pesar de que coincide con Santa Uxía, en Ribeira, e coa Guadalupe, en Rianxo, “temos fe en que haxa bastante xente, igual ou superior ao ano anterior.”
Cunha duración de catro días, a xornada máis grande será na que se celebre a Procesión Votiva das Mortaxas que coincide co terceiro domingo do mes, quedando programada para o día 15, ás 10.30 horas, na que participarán ao redor de seis cadaleitos.
Aínda que esta festividade ten un marcado e evidente carácter relixioso, non faltará a música e outras actividades. As atraccións para os máis pequenos, barracas e postos de venta de produtos variados situaranse en diversos emprazamentos da vila animando máis o ambiente e atraendo, se cabe, a máis persoas, tanto residentes coma visitantes.
Por outra banda, destaca a cantidade de agrupacións de música tradicional e as actuacións de bandas de toda Galicia que forman parte desta cita. Dentro das primeiras, encádrase a Banda de Ferrol –cornetas e tambores-, A Carballeira, Os Chaneiros, Xiada e O Son do Pote; mentres que nas segundas adscríbense a Cultural de Vilanova, a Cultural de Salceda de Caselas –con 80 compoñentes-, Ateneo Musical da Pobra e Unión Musical de Valladares.
E, como non podía ser doutro xeito, as imprescindibles orquestras que asumirán a tarefa de amenizar a noite, facendo que os presentes desfruten do baile e o son. Esta responsabilidade recae en Noche de Estrellas, Triunfo, La Torre, Nevada, Compostela e Panorama. Ademais, a praza Alcalde Segundo Durán servirá de escenario para o concerto a cargo de Moito! previsto para o venres 13, ás 23.30 horas. En total, ao redor da vintena de grupos.
Ademais, desenvolveranse outras actividades coma, por exemplo, o gran parque infantil Pueblalandia, o tren Po-Pop e o ritmo da Charanga NBA.
O broche de ouro será o gran espectáculo de fogos artificiais e acuáticos que encherá a vila de luz planificado para o luns 16, ás 00.00 horas, na praia do Areal.
Pola súa parte, o rexedor expresou o seu agradecemento á comisión e anunciou que o pregón será o venres 13, ás 21.15 horas, a cargo do colectivo de xubilados e xubiladas do municipio, pois “creemos que é un traballo que debe ser recoñecido dalgunha maneira pola sociedade pobrense e por iso lle ofrecemos, neste caso, o balcón da Casa Consistorial para dirixirse aos veciños e veciñas.” Outra das cuestión que avanzou foi a relativa “a despregar un operativo de seguridade, o máis importante que se ten organizado desde que existen as festas do Nazareno”, tal e como xa anunciáramos a semana pasada.
Desta maneira, contarase cunha quincena de axentes de apoio doutros municipios, unha trintena de voluntarios e barreiras arquitectónicas fronte a calquera tipo de atentado con vehículos a alta velocidade, pero a maiores desde o Concello fíxose un plan de autoprotección cunha empresa que realizou un estudo dos riscos potenciais que se poden producir na procesión mediante o que se solicitou á Axencia Galega de Emerxencias (Axega) un camión de Posto de Mando Avanzado (PMA). O vehículo estará situado na praza Maior no día da procesión, con tres cámaras distribuídas polo percorrido máis unha que estará no propio camión, gravando todo e converténdose no centro de control onde estará presente o mando da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e a asistencia sanitaria. A conexión vía satélite permitirá, ante “calquera incidencia, mínima que sexa”, intervir “case de inmediato porque a coordinación será practicamente perfecta.” Tamén se requiriu unha lancha e un camión de bombeiros para o espectáculo pirotécnico, cuxa montaxe contará cun garda de seguridade. A área encargada desta xestión foi a Concellería de Seguridade Cidadá, a cargo de José Andrés Lojo Fernández. Outras das novidades son o reforzo de baños públicos e a instalación dun Punto Lila co obxectivo de contribuír a uns festexos libres de agresións sexistas dispoñendo de dúas carpas na praza Maior con psicóloga e voluntariado.