Cheo total no consistorio ribeirense para homenaxear a Plácido Betanzos e coñecer o seu libro póstumo

09 Agosto 2019

20190809 Hai persoas que pasan pola vida e só deixan bos recordos e, malia o paso do tempo, seguen a ser motivo de saudade e respecto e exemplo de comportamento para os que veñen e virán. Unha destas persoas foi sen dúbida Plácido Betanzos (1952-2018), o benquerido mestre e político de Palmeira, que tivo (e segue a ter, mesmo despois do seu falecemento) a estimábel (e non tan común como sería de desexar, sobre todo no ámbito da política) capacidade para ser compañeiro e amigo entre compañeiros e amigos de todo tipo de ideoloxías, pareceres e puntos de vista. Este venres a cidade de Ribeira homenaxeouno nun ateigado salón de plenos do consistorio, ante a presenza dun centenar de persoas. O motivo foi a presentación do seu libro póstumo, Relatos e lembranzas.

O acto veu da man da Comisión de Homenaxe a Plácido Betanzos coa colaboración do Concello. Na homenaxe, na que se fixo un emotivo percorrido pola vida e traxectoria de Plácido, poñendo o foco no seu espírito dialogante e aberto, interviñeron Santi García, membro da devandita comisión e deseñador e coordinador da publicación póstuma, amais e curmán de Plácido; Sofía Betanzos, filla do autor homenaxeado; e máis o alcalde Manuel Ruiz Rivas.

Malia estar prevista a presenza de Goretti Sanmartín, ex vicepresidenta da Deputación da Coruña, non puido acudir por motivos de saúde.

Presentou e moderou a cita Olegario Sampedro, compañeiro de profesión de Plácido e compañeiro (tamén) de vivencias, inquedanzas e andainas. O acto incluíu, no seu ecuador, un recital da poeta Marta Pedrosa acompañada musicalmente de José Luis Olveira. A publicación póstuma foi impresa pola Deputación da Coruña.

O evento foi ante todo un emotivo intercambio de lembranzas e emocións. Por exemplo as compartidas por Olegario Sampedro, que recordou “a voz vigorosa” do homenaxeado e a pegada que deixou: “As ideas universais de Plácido nunca poderán ser desmanteladas ou derrubadas”. Os recordos tamén foron o miolo das intervencións de Sofía Betanzos e Manuel Ruíz Rivas, a primeira recreando a súa nenez e como o seu pai lle inculcou, dende pequena, o amor polos libros, a lingua e a cultura popular, o segundo, o rexedor ribeirense, facendo un percorrido pola traxectoria política de Plácido Betanzos: “El sentíase feliz na política, tardou moito en aceptar a decisión de deixala, estou convencido de que faleceu sendo político”. O alcalde tamén agradeceu a participación no acto da cidadanía (un acto “sinxelo e bonito”) e das entidades que fixeron posíbel o libro Relatos e lembranzas. Amais, salientou a implicación de Goretti Sanmartín na publicación da obra póstuma e concluíu: “Na vida recollemos o que sementamos, e Plácido sementou moitos abrazos, moito agarimo e moita camaradería; era o meu amigo, a pesar das diferenzas ideolóxicas”.

Unha rúa de Palmeira leva o seu nome

A homenaxe de hoxe non foi nin será a última. Como lembraremos, recentemente foi inaugurado en Palmeira un paseo da vila co seu nome, nun acto no que enxalzou “o seu carácter loitador, alegre, afábel e optimista”, comprometido co nacionalismo galego, co respecto pola pluralidade de ideas e coa diversidade e coa mellora da calidade de vida das súas veciñas e veciños.

Plácido Betanzos foi profesor en varios institutos e rematou a súa carreira docente no IES Leliadoura de Palmeira. Compaxinou este labor co traballo político no Concello, onde foi edil do BNG entre os anos 1992 e 2002 e candidato á alcaldía de Ribeira nos anos 1995 e 1999. Amais, tamén foi tamén un activo comunicador e froito desta vertente literaria, xornalística e creativa abrollaron escritos como os que se presentaron este venres no salón de plenos do consistorio, ou senlleiros artigos como Bágoas na chuvia, que foi unha das primeiras reflexións-denuncia desenvolvidas na nosa comarca e en Galicia sobre o problema da violencia machista.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...