20190701. Este domingo, 7 de xullo, os condutores festexarán a conmemoración do seu patrón, San Cristovo. Unha festividade que se recuperou hai oito anos grazas ao labor da asociación Alfaia e da Parroquia de Santa Uxía. A xornada en Ribeira comezará ás 11.00 horas con pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Xiada, así como unha concentración de vehículos no Malecón. Unha hora máis tarde, ás 12.00, celebrarase a Misa Solemne na Igrexa Parroquial de Santa Uxía, cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil e Industrial de Ribeira dirixida por Antonio Fernández Ageitos. Aínda que nesta liturxia lembrarase a tódalas vítimas de accidentes de tráfico, María José Sampedro, concelleira de Cultura, sinalou que “este ano ten un matiz especial porque a Eucaristía vaise dedicar a Sara e Abraham, veciños do municipio que o pasado 4 de maio tiveron un tráxico accidente e faleceron.” Por iso, destacou que “vai ter máis emotividade.” A procesión partirá do recheo portuario, onde tamén se realizará a correspondente bendición, percorrendo as rúas García Bayón, Padín, Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, Alcalde Fernández Bermúdez, Rosalía de Castro e Galicia ata a igrexa. A concelleira de Cultura tamén quixo agradecer a colaboración dos clubs Reventapistóns e Galicia Garage.
Pola súa parte, María José Carreira, vicepresidenta da asociación cultural Alfaia, expresou o seu agrado de poder levar a cabo esta festividade, pois indicou que durante a súa nenez “na miña casa, que nos dedicábamos á compra e venta de peixe e tiñamos camións, era unha celebración moi especial onde nos xuntábamos toda a familia para conmemorar a San Cristovo, que era o noso santo protector.” Así mesmo, indicou que trataron de recuperar este sentimento coa conmemoración do santo buscando a súa protección e convidan a tódolos veciños para que participen cos seus vehículos, incluso cun autobús, “nesa singular procesión que facemos atravesando toda Ribeira con tanto bullicio e alegría.” Tamén quixo desculpar a ausencia na rolda de prensa da presidenta da asociación, Mari Carmen García, quen “é a alma máter desta actividade e de todas as que vén organizando Alfaia.”
Finalmente, Alfonso Mera, párroco de Santa Uxía, manifestou que, desde a Parroquia, apoian todo este tipo de iniciativas. Ademais, puntualizou que “a celebración de San Cristovo toca a moita xente porque somos moitos os que conducimos, os que temos responsabilidades de cara a outras persoas coma as que levamos no coche”, polo que tamén é un día de sensibilización e concienciación, así como ter en conta a tódalas persoas que traballan nas estradas e que “buscan que a seguridade chegue ás nosas conciencias, da necesidade de telo moi en conta.”