20190718. As distintas festas e celebracións lúdicas que se desenvolven no municipio ribeirense ao longo do verán adoitan congregar grandes concentracións de xente e, aproveitando o pistoletazo de saída dun dos eventos máis representativos neste sentido coma é a Dorna, distintos estamentos sociais do concello decidiron aliarse para facer un chamamento para que Ribeira sexa un exemplo de convivencia.
Así, compareceron no Consistorio a concelleira de Cultura, María Sampedro; a presidenta da Asociación Renacer, María González; o presidente da Asociación de Empresarios, Francisco Martínez; o edil de Seguridade Cidadá, Víctor Reiriz, o comisario da Policía Nacional, Adolfo García; o xefe da Policía Local, José Manuel Bretal; e Lydia Fernández e Narciso Fernández en representación da Real e Ilustre Cofradía da Dorna.
Tal e como comentou María Sampedro, a idea desta convocatoria xurdiu dunha problemática determinada posta enriba da mesa durante unha reunión fai dúas semanas con membros da Asociación Renacer: o consumo de alcohol por parte de menores. A Policía Local velará para se cumpra a normativa nos establecementos de diversa índole que expenden alcohol, tal e como está a facer este corpo ao longo do ano.
Así mesmo, a presidenta de Renacer expuxo tamén outro problema derivado de grandes celebracións lúdicas: os embarazos non desexados e as enfermidades de transmisión sexual. Con tal motivo, promoveu unha campaña pola que a organización da Real e Ilustre Cofradía da Dorna coordinará, baixo o slogan de ‘Non te molles! Usa chuvasqueiro’, o reparto de 3.000 preservativos entre os asistentes a través das fanequeiras participantes.
Adolfo García, comisario da Policía Nacional, comentou que o cadro de persoal refórzase durante o verán en 10 efectivos, pasando de 50-52 a 60-62 axentes, dos cales 5 están en prácticas, e para eventos multitudinarios coma a Dorna contará co apoio dunha Unidade de Protección e Reacción e pode que tamén cunha Unidade de Cabalería, sempre cun espírito colaborador coa cidadanía.
A presidenta da Real e Ilustre Cofradía da Dorna, Lydia Fernández, salientou que tendo en conta a gran cantidade de persoas que acoden a esta festa, o número de incidencias é mínimo en comparación con outros eventos e destacou iniciativas orientadas a evitar a xeración de residuos como a distribución de vasos reutilizables ou a colocación de bidóns en rúas estreitas que carecen de contedores.
Ademais, fixo un chamamento a un consumo responsable de alcohol e a non tirar lixo na rúa, dúas condutas que son aplicables ao resto do ano. No mesmo senso falou a concelleira María Sampedro quen indicou que entre todos hai que facer que Ribeira sexa un exemplo no conxunto da comarca.