20190711 Finalmente rematou hai unhas semanas a rodaxe de Santa Isabel (Agallas Films), a película sobre o naufraxio do buque do mesmo nome, preto de Sálvora, e á espera de que se produza a agardada estrea (chegará ás salas en 2020), nós quixemos falar con Paula Cons, a directora.
Paula cóntanos sobre o intre mesmo en que comezou a ver que no naufraxio do vapor (que transportaba 260 persoas con destino a Bos Aires e que se afundiu na madrugada do dous de xaneiro de 1921) había unha historia, sobre o apoio recibido pola poboación e os medios locais e, sobre todo, sobre a inspiración recibida polas “heroínas de Sálvora”, as mulleres da illa que se botaron ao mar para axudar no rescate dos náufragos (esa mesma noite os homes estaban en terra firme celebrando o Nadal). Trátase de María, Josefa e Cipriana, interpretadas no filme por Nerea Barros, Victoria Teijeiro e Ana Oca. As verdadeiras protagonistas da historia.
-Paula, cando e de que maneira se lle ocorreu que tralo afundimento do buque Santa Isabel había unha historia que contar?
-Eu son xornalista e sempre me interesa escribir sobre feitos reais pouco coñecidos, e xa todo o meu entorno o sabe, así que cando unha amiga colega de profesión foi a unha mostra sobre o Santa Isabel, veu contarme a historia decontado. En canto lin o libro de Xosé María Fernández Pazos e a saber máis das heroínas, souben que aí había unha historia.
-Que pesou máis para vostede á hora de decidirse a facer esta película, o naufraxio en si mesmo con todas as súas vicisitudes e dificultades ou a valentía das mulleres que son, ao mesmo tempo, todas as mulleres?
–Para min o interesante da historia, desde logo, son elas e a illa de Sálvora, como quen di, o afundimento é tan só unha escusa.
-Se cadra o filme sexa unha boa oportunidade de reivindicar o papel feminino na historia, sempre nun segundo plano. É esta unha película de empoderamento e sororidade, dous termos dos que tanto se fala?
-Haberá que vela… A verdade é que hai moita xente que me di que é feminismo 2.0, porque as protagonistas son mulleres imperfectas, que cometen erros, que provocan a dúbida no espectador. Nada de idealizar. Pero son mulleres, protagonistas femininas, que moven a trama, elas soas, e sen dúbida é unha película de relación entre dúas mulleres e do que son quen de facer.
-Cre vostede que o naufraxio do buque e todo o que aconteceu despois, principalmente no relativo aos comportamentos humanos, son temas que lonxe de perder actualidade, están máis vixentes ca nunca? Servirannos para tirar conclusións de valor?
–Eu non me creo tan importante como para conseguir que alguén saque conclusións de valor… trato de expresar e contar o que eu creo que debía ser contado. O filme fala de inmigración, de como nós noutras épocas eramos os que iamos cunha man detrás doutra a América, que parece que algunhas veces o esquecemos. E fala de temas que creo que non están resoltos na nosa costa. Pero fundamentalmente é unha película, que pretende emocionar e entreter, nada máis. Non é un ensaio, nin un documental. A partir de feitos e personaxes reais é pura fabulación, e en moitos casos moi moi afastada da historia real.
-Cales foron as súas principais influencias e referentes (cinematográficos, literarios) á hora de encarar a materialización do filme? Por onde decidiu que había que tirar unha vez que tivo todos os recursos ao seu alcance?
–Eu creo que a decisión máis atrevida foi facer un thriller en troques dun drama histórico. Influencias moitas e moi dispares, desde ter moi moi presente a alguén como Castelao e a súa ollada, a fotógrafa Ruth Mathilde Anderson, ata a pegada de películas como Os santos inocentes de Mario Camus ou O Fillo de Sául de László Nemes, ou O Piano de Jane Campion.
-Cal foi a resposta da xente local perante a rodaxe? Houbo facilidades ou houbo atrancos?
–Absoluta colaboración. Estamos impresionados e encantados con toda a axuda recibida, desde o Concello de Ribeira, a poboación cando se celebrou o casting (con máis de 500 persoas presentadas), a prensa local…
-Foi complexo atender ao rigor histórico ou resultou ser máis sinxelo do que agardaba (máis relacionado co sentido común)? Sabemos que neste punto tamén contou coa axuda do historiador local Xosé María Fernández Pazos, o principal investigador deste naufraxio. En que puntos e sobre que cuestións houbo que solicitar máis a súa axuda?
-Pois desde as preguntas máis absurdas como se había cans na illa, ata as máis complexas contamos co apoio de Xose María Fernández, aínda que xa estaba todo no seu libro. Tiramos, efectivamente de moito sentido común, pero o departamento fixo un labor de investigación. E tamén contamos coa axuda impagable da Asociación Cultural Dorna con Salvador á fronte.
-Cando calcula que poderá estar listo o filme para ser estreado en salas?
-Estará xa rematado a finais do verán pero coido que a salas non chegará antes do 2020.
-Cre vostede que será (co seu pano de fondo de abnegación e heroicidade) unha boa historia galega que amosarlle ao mundo?
–Encantaríame. E unha excelente oportunidade de coñecer un lugar tan especial como Sálvora.