

20190705. A casa consistorial de Ribeira acolleu onte o pleno de organización do mandato 2019-2023. Un dos primeiros puntos a abordar foi o das comisións informativas, as cales estarán conformadas por 4 representantes do PP, 2 do PBBI, 1 do PSdeG-PSOE, 1 do BNG e 1 de Suma Ribeira. Ante isto, Vicente Mariño de Bricio, do PBBI, manifestou “o primeiro problema que vexo eu aquí é que fallan as matemáticas, posto que unha vez máis vostede exerce de maneira autoritaria o seu cargo e mire vostede que distribución nos propón.” O alcalde popular, Manuel Ruiz Rivas, replicou que “para que o meu grupo teña maioría nunha comisión necesita ou a abstención de dous grupos o apoio dun só, polo tanto a matemática funciona coa mesma proporcionalidade que funcionaría no pleno.” Foi entón cando interrompeu a compañeira de partido de Mariño, Herminia Pouso Maneiro, declarando que “estalle fallando a proporcionalidade”, polo que Ruiz respondeu que “aprenda a respectar o seu turno de palabra e, sobre todo, respecte ao seu portavoz.” Tamén María José Sampedro Fernández, do PP, tirou de hemeroteca para recordarlle a Herminia Pouso que no pleno de organización do 2007, falando tamén das comisións informativas e sendo ela edil popular, “cando o grupo municipal do PP tiña 5 concelleiros e o BNG 2, dándose unha situación semellante, ela dicía que a proporcionalidade matemática non é un requisito que teña que cumprirse nas comisións informativas.”
Finalmente, tódolos puntos saíron adiante. Deste xeito, o executivo contará con tres dedicacións exclusivas e coa contratación de persoal eventual correspondente coa secretaría da Alcaldía e co gabinete de comunicación. Ademais, aprobáronse as dedicacións parciais dos grupos do PBBI, PSdeG-PSOE e BNG.
Xurxo Ferrón Vidán, de Suma Ribeira, indicou ao respecto da proposta de dedicación parcial do 75% para a concelleira de Servizos Sociais, Promoción Social, Igualdade e Diversidade, Ana Isabel Ruiz Reiriz, que se debía modificar a denominación coa que aparece na proposta, así como a oposición do seu partido a esta medida porque consideran que “é unha partida nova incluída estratexicamente para votar conxuntamente con outras” referíndose ás ofrecidas ao PBBI, PSdeG-PSOE e BNG.
Na súa intervención, Xosé Vázquez Cobas, do BNG, sinalou “a representación dos veciños e das veciñas de Ribeira hai que dignificala, tanto a representación que está no goberno como a representación dos veciños que está na oposición, e a maneira de facelo é dotala de medios necesarios para que poida ser o máis efectiva e eficiente posible.” Así mesmo, afirmou que é triste que se agardase á perda da maioría absoluta do PP para facer realidade unha reivindicación, asegurando que “isto non é como din algúns, a compra de ningún voto. A min ninguén me está obrigando a nada, eu voto o que quero.”
Pola súa parte, o socialista José Manuel Vilas Álvarez asegurou que, respecto ás dedicacións exclusivas e parciais, estas medidas retributivas propostas polo rexedor son similares ás doutros concellos cun tamaño coma o de Ribeira. Ademais, engadiu que “a acción política dos grupos da oposición entendemos que ten que ser remunerada, entendida como un traballo por e para os cidadáns, para resolver e defender os problemas da nosa cidade. Esta acción política irá acompañada dun despacho dentro da casa do Concello, local ao que temos dereito por normativa, onde poder atender aos noso veciños.”
O portavoz do PBBI, Vicente Mariño de Bricio, aseverou que o executivo popular pretende así meter varios goles, aínda que tamén recoñeceu que o seu partido ofrecera dedicacións á oposición, pero que “a miña proposta ofrecía media dedicación ou algunha dedicación pagada a cambio de responsabilidades nun equipo de goberno.” Así, o PBBI deberá renunciar por escrito á súa dedicación parcial, xa que a aprobación deste punto incluía tamén ao seu grupo, a pesar de votar en contra.
Por outra banda, aprobáronse os soldos coa abstención do BNG, os votos en contra de Suma Ribeira e PBBI e os favorables do PP e PSdeG-PSOE. Deste xeito, o soldo do rexedor será de 55.482 euros brutos e o das dúas persoas do seu equipo con dedicación exclusiva, de 33.610 cada unha.
Mariño disentiu con este punto, pois especificou que o alcalde de Ribeira cobraría máis que, por exemplo, o de Santiago de Compostela.
Ferrón tamén discrepa das contías a percibir pois “no noso programa electoral está recollido que o soldo máximo para o alcalde serían de tres salarios mínimos interprofesionais, que actualmente está fixado en 900 euros, en 14 pagas mensuais o que sería un importe bruto de retribución de 37.800 euros”, mentres que as outras dúas exclusividades “se correspondesen con dous salarios mínimos interprofesionais, é dicir, de 25.200 euros anuais.”
En canto ás asignacións de cada partido político, corresponderanlle 900 euros mensuais e 50 por cada concelleiro.
Finalmente, o representante de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, expresou o seu desacordo polo feito de que o seu grupo municipal ocupe un asento na segunda fila, mentres que o resto ten postos na primeira. Ruiz contestou que se limita a cumprir o reglamento.
Os plenos celebraranse o último luns de cada mes ás oito da tarde, excepto agosto, Nadal, e cando haxa eleccións. Todos aqueles que o desexen poden visualizar o pleno por completo en Youtube