Ribeira e as parroquias homenaxean ás súas heroínas traballadoras en O Labor en Silencio

27 Xuño 2019

20190627 As fotos de monumentos e grandes acontecementos históricos xa tiveron a súa oportunidade. Agora tócalle á xente e as súas pequenas (grandes) historias. Disto trata o proxecto Cóntame a túa historia, impulsado polo Museo Municipal en Ribeira en colaboración co arquivo local (AMR): unha iniciativa de participación e implicación cidadá na que se fai un convite a reconstruír a historia do concello a partir do incalculábel valor das testemuñas individuais de cada quen. O proxecto vén de dar un novo paso coa exposición O Labor en Silencio que se vén de inaugurar no museo de Ribeira baixo a óptica da muller traballadora. Trátase dunha emocionante homenaxe á parte da historia que sae por tradición en segundo plano: a xente.

As dúas propostas teñen un nexo común: recuperar imaxes e documentos históricos locais, cedidas polas veciñas e veciños, coa finalidade de “crear un arquivo fotográfico que conserve, estude e divulgue a historia recente de Ribeira”.

Di a nova corrente de investigadores históricos que a historia ás veces non está nos traballos feitos polos cronistas oficiais: atópase agochada e recóndita, agardando a súa oportunidade, nas caixas que gardamos con imaxes de familiares e amigos ás que, por tradición, ningún gran estudoso lles ten adicado a importancia que merecen.

Matilde Cores cortando o cabelo a un neno en 1961, na súa barbería de Corrubedo/Imaxe cedida por Fernando Vilariño

As mulleres, homes e nenos que pasan polas fotos que se poden ver estes días no museo de Ribeira son traballadoras da salgadura, da conserva, do mar e do agro, de Ribeira, de Castiñeiras, de Aguiño e de Corrubedo, perfectamente recoñecíbeis e con nomes propios (non só os nomes que figuran nos seus documentos de identidade, senón tamén os alcumes polos que as coñecía a xente, que eran tan verdadeiros ou máis cós apelidos). Por alí desfilan Lolita A Pataca, Jesusa de Couso, a Tía Matilde (propietaria da barbaría de Corrubedo), Andrés O Xanote ou Ventura A Xanota, entre outras moitas e moitos. A mostra de fotografías resultante, posíbel grazas ao estimábel traballo das persoas e asociacións que recuperaron e cederon as imaxes, é importante non só dende o punto de vista cuantitativo senón tamén cualitativo (a calidade de grande parte das contribucións, realzadas polo branco e negro que fai destacar os rasgos das traballadoras e a luz, chama a atención de calquera visitante, sexa de Ribeira ou non).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...