20190619. O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, e o seu equipo de xefes territoriais da Xunta de Galicia da provincia mantiveron, esta mañá, un encontro de traballo no Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (CIELGA), en Ribeira. O motivo do encontro, segundo apuntou o representante do goberno autonómico, foi “trasladar ao territorio o noso traballo e dedicar a esta comarca unha xornada monográfica para analizar o que se fixo, o que estamos facendo e o que imos a facer nesta área do Barbanza que engloba a once concellos (A Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rianxo e Ribeira).”
Neste senso, Rodeiro destacou que “estas xornadas, que se van a repetir de forma periódica, teñen como obxectivo estar preto de aqueles asuntos que son de interese para os alcaldes e os veciños e, no caso de que fose preciso, coñecelos de primeira man.” Neste primeiro encontro levaron a cabo un balance dos principais investimentos e programas da Xunta na comarca no 2018 e no que levamos de 2019 e repasaron algúns dos proxectos de futuro comprometidos pola Xunta para esta área.
Ovidio Rodeiro informou que nos principais programas, axudas e inversións no Barbanza a Xunta leva investidos máis de 62 millóns de euros, 57 millóns en 2018 e case 5 millóns no que levamos de 2019. Ademais, recalcou que “a mellora das infraestruturas foron e seguirán sendo unha prioridade para o goberno galego.” Con respecto a este asunto, sinalou que o investimento de saneamento na comarca do Barbanza é de 10 millóns de euros entre obras realizadas en 2018 e comprometidas para 2019 nos concellos de Boiro, Carnota, Lousame, Noia, Porto do Son, Rianxo e Ribeira.
Así mesmo, precisou que o total de investimentos nas obras máis importantes postas en marcha en 2018 e previstas para 2019 superan os 12 millóns de euros e anunciou con respecto á Variante de Ribeira, que “a Xunta de Galicia xa conta cunha proposta de trazado e que, unha vez constituída a nova corporación este sábado, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reunirase, nos próximos días, co Concello para presentarlle esa proposta e sometela á súa consideración, en busca do consenso.”
Outro dos temas importantes analizados no encontro foron as obras previstas nos centros educativos da comarca. En concreto, a Consellería de Educación levará a cabo actuacións en 17 colexios nos que investirá máis de un millón de euros. A maioría das obras comezaran dentro duns días en canto rematen as clases. A inversión máis importante da comarca será o proxecto de mellora da eficiencia enerxética do CEIP Felipe de Castro en Noia, cun orzamento de 677.000 euros. Ovidio Rodeiro confirmou que “a semana que vén se firmará o contrato para poder empezar as obras o máis pronto posible.”
Con respecto aos Servizos Sociais, o delegado territorial puxo en valor “o importante esforzo que dende a Xunta de Galicia se está facendo para atender as necesidades de quen máis o necesita.” Como exemplo destacou que na comarca incrementouse de maio de 2018 a maio de 2019 un 32% o número de horas de SAF (Axuda a Domicilio) e un 29% o importe trimestral destas achegas. En relación co RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia) aumentouse, con respecto ao mes de maio do ano pasado, un 10% o número de persoas atendidas e un 31% o importe mensual. Neste momento, a área está dando cobertura a 98 persoas que cobran RISGA cun importe mensual de máis de 41.000 euros e a Consellería de Política Social aporta 9’70 euros por hora para axudar a máis de 600 persoas cun custe trimestral de 760.000 euros. Polo que, estes datos “poñen en evidencia a importancia da colaboración da Xunta cos concellos para poder prestar os servizos sociais básicos aos seus veciños.”
En relación coa Consellería de Economía e Emprego, Ovidio Rodeiro, apuntou que o plan de axudas para os parques empresariais deixará este ano no Barbanza 306.000 euros para obras nos polígonos de Boiro, Noia e Ribeira e lembrou que as achegas da Xunta para contratar Aprol-Rural e RISGAs permite que este ano se incorporen aos concellos desta área 28 persoas grazas a unha partida de 347.000 euros. Ademais, lembrou que “a partir de mediados de xullo comezaremos a clausurar os seis Obradoiros de Emprego que formaron en 2018 a 108 persoas cunha achega de 1’4 millóns de euros e adiantou que dentro dunhas semanas se resolverá a convocatoria destes talleres para o ano que ven.”
No encontro tamén se analizaron as obras forestais realizadas pola Consellería de Medio Rural que supoñen un investimento de 2’8 millóns de euros na comarca en camiños, peches, limpezas, incluídos os 499.000 euros de actuacións de emerxencias polo incendio de Rianxo-Dodro e se valoraron os máis de 1’5 millóns que se repartiron para os plans de mellora, incorporación de mozos e axudas a pequenas explotacións no 2018, xa que estes días se pechou o prazo para as solicitudes deste ano e se están, neste momento, analizando todas as solicitudes.
A Consellería do Mar tamén está traballando en importantes proxectos. Despois de visitar hai uns días a mellora dos peiraos de Portosín e Porto do Son, que se está levando a cabo cun investimento de 750.000 euros, Ovidio Rodeiro destacou que “tamén levaremos a cabo a remodelación da fachada marítima de Ribeira cun investimento de 580.000 euros e a pasarela do peirao de Noia cunha achega que supera os 200.000 euros.”
Finalmente, tamén se analizaron o estado dos proxectos que xa están aprobados para realizar este ano coas achegas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que deixarán na comarca, entre as ordes de Infraestruturas e do Fondo de Compensación Ambiental, 737.000 euros para 16 obras. Estas axudas van a destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.