Os programas electorais para Boiro

22 Maio 2019

Juan José Dieste – Partido Popular

Juan José Dieste

Problemas

“Fan falta medidas para impulsar a creación de máis empresas e máis emprego. Avanzar en atención sanitaria, en formación innovadora. Hai necesidade, tamén, de optimizar as infraestruturas municipais e a accesibilidade, os equipamentos dos portos, a seguridade nas estradas. Tamén é preciso actuar nos colectivos de maiores e nas familias, mellorando a súa calidade de vida, e avanzar na loita contra a violencia de xénero, favorecer a igualdade e garantir a conciliación”. 

Propostas

“Imos habilitar obradoiros de emprego para a mocidade, impulsar bonificacións fiscais para emprendedores, investir no novo parque empresarial e crear máis aulas de informática. Tamén queremos ampliar as axudas e bolsas a deportistas e estudantes.

Actuaremos na humanización das estradas e rúas, optimizaremos o saneamento e modernizaremos os portos, amais de mellorar a lonxa de Cabo de Cruz e incidir, tamén, na sustentabilidade enerxética. Optimizaremos a recollida do lixo.

Amais, poremos o foco nas infraestruturas deportivas, modernizándoas, e reforzaremos o noso compromiso cos maiores, habilitando a residencia con 200 prazas e 80 postos de traballo. Achegaremos unha nova gardería e parques infantís cubertos. Ampliaremos as axudas para as familias e impulsaremos medidas de igualdade e conciliación.

Tamén haberá máis prazas de estacionamento e humanizaremos a Praza da Mancomunidade, ao tempo que dinamizamos o comercio”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Porque contamos co importante aval destes anos de boa xestión municipal. Seguiremos traballando para todos con claridade, rigor e seriedade”.

Raquel Suárez – Bloque Nacionalista Galego

Raquel Suárez

Problemas

“Hai falta de atención á veciñanza, non se teñen en conta os problemas da xente. Logo hai carencias en aparcamento, unhas carencias que o Goberno do PP fai perdurar no tempo xa que mantén pechada unha infraestrutura pública destinada a tal fin. Hai falta de accesibilidade, deficiente mantemento dos colectores e do servizo de recollida do lixo. Existe un claro abandono do rural, escasa iniciativa cultural pública e un evidente desleixo polo patrimonio. Fan falta alternativas para a mocidade e un mellor funcionamento dun servizo público como é a piscina municipal”.

Propostas

“Desde o BNG apostamos por un Boiro accesíbel, con servizos públicos dignos, queremos recuperar os espazos públicos e a participación da veciñanza, recuperar a cultura e o patrimonio, mellorar o aparcamento, levar servizos e actividades ás aldeas, entre outras”.

Por que son de interese as súas propostas?

Porque son propostas acordes coas necesidades de Boiro e da súa veciñanza. Levamos traballando toda a lexislatura a carón da xente do noso municipio, interesándonos polas súas problemáticas e trasladando as súas demandas ao Concello, por iso temos un amplo coñecemento do que precisan e niso se basea o noso programa”.

Manuel Velo Velo – Iniciativa Cidadá de Boiro

Manuel Velo

Problemas

“Necesítase unha residencia pública para a terceira idade, reducir o alto custe do Imposto de Bens Inmobles e seguir desenvolvendo o urbanismo e o emprego xuvenil e, tamén, as oportunidades laborais para as persoas maiores de 50 anos. Tamén é preciso axilizar a xestión do Concello, reducir a débeda e controlar o gasto. Igualmente, é necesario solucionar a ausencia de estacionamentos habilitando espazos gratuítos e públicos para aparcar.

Respecto do Pazo de Goiáns, hai que equipalo cun museo local e outro comarcal e dar forma a un relevante xardín botánico”.

Propostas

“Somos un grupo preparado e contamos cunha ampla experiencia atendendo as necesidades da veciñanza de Boiro. Cómpre ter en conta que á fronte da Iniciativa Cidadá, ICBoiro, está o ex alcalde Manuel Velo, que xa ten demostrado a súa capacidade de xestión cando foi rexedor do Concello, e que, ademais, conta nestes comicios cun importante equipo de persoas, todas e cada unha delas cunha ampla formación cívica e cun coñecemento integral das necesidades de Boiro para cumprir as promesas do programa ofrecido á veciñanza”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Porque nos acreditan as obras e servizos que se fixeron cando Manuel Velo foi alcalde, impulsando o progreso integral de Boiro dende da gobernanza no Concello. Viñeron outros alcaldes detrás, pero Boiro quedou en foto fixa”.

José Ramón Romero – PSdeG-PSOE

José Ramón Romero

Problemas

“Hai problemas en comunicacións coas parroquias e as asociacións, e hai necesidade de estender o acceso a servizos como Internet. Fai falta impulsar o polígono, o emprego e a industria, e favorecer a innovación e o traballo colaborativo. Tamén é preciso impulsar o deporte a cultura, humanizar máis rúas e poñer en valor o noso patrimonio, por exemplo os núcleos das nosas parroquias ou o Pazo de Goiáns e a súa contorna”.

Propostas

“Queremos estreitar o contacto coas parroquias e coas asociacións veciñais. Tamén impulsaremos a transparencia, a accesibilidade á información online do Concello e a cobertura dixital en todos os núcleos. Apostamos polo saneamento integral e por rehabilitar os núcleos de Abanqueiro, Cespón, Lampón, Bealo, Macenda, Cures e Cabo de Cruz. Neste último núcleo faremos unha mellora paisaxística na súa fachada marítima.

Fai falta máis limpeza, máis mantemento das infraestruturas, e infraestruturas novas como unha nova estrada a Cabo de Cruz dende a DP-1106. Faremos fincapé nun plan de accesibilidade universal, no incremento dos estacionamentos e na mobilidade sustentable. Amais, é a nosa intención construír unha nova estación de autobuses e humanizar a rúa Principal de Boiro, ao tempo que fortalecemos o comercio. Crearemos unha cidade deportiva e rehabilitaremos o Edificio das Colonias. Tamén traballaremos por habilitar unha escola de idiomas e garantiremos maior actividade cultural. Optimizaremos os servizos para os nosos maiores”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Porque formamos un equipo de traballo renovado e con capacidade, disposto a cumprir o programa electoral. Todos e cada un dos puntos do noso programa foron estudados e deseñados sabendo que é posible levalos a cabo”.

José Carlos Rodríguez – Ciudadanos

José Carlos Rodríguez

Problemas

“O Goberno actual pechou a porta do Concello aos cidadáns, instalouse na soberbia, na falla de transparencia e no electoralismo. Esqueceu o rural, demostrou non ter interese polo tecido económico, a riqueza, o emprego, a cultura, a educación ou o patrimonio. Non tivo nunca un proxecto político para Boiro”.

Propostas

“Imos pór en marcha unha oficina de atención cidadá, con compromiso de resposta en 48 horas. Habilitarase unha aplicación móbil que permitirá á veciñanza facer trámites sinxelos ou dar conta de incidencias sen saír da casa. Poremos a nosa xestión ao alcance de toda a cidadanía que saberá o que se gasta, o que se aforra, e en que. Haberá un plan de dinamización do comercio e transformaremos o urbanismo nos núcleos e travesías. Impulsaremos unha programación cultural acorde co que é Boiro. Habilitaremos as infraestruturas agora pechadas: Escola de Hostalaría, Edificio das Colonias, o local de 500 m2 da entreplanta do concello, o estacionamento da Boqueira de Anegral, etc, e porémolas a render”.

Por que son de interese as súas propostas?

Dores Torrado – Boiro Novo

Dores Torrado

Problemas

“Todo aquilo que ten que ver co eido dos servizos sociais, ou co eido cultural está esquecido. En Boiro a acción política do Goberno local resúmese na súa maior parte en cemento e asfalto de xeito arbitrario segundo se achegan as eleccións”.

Propostas

“Propomos un Concello transparente e coas portas abertas onde prime a participación veciñal. Un dos nosos compromisos sociais é rematar na próxima lexislatura coas listas de agarda nos servizos sociais, sobre todo no ámbito da dependencia. Amais, aumentar as prazas de centro de día e construír a residencia pública para maiores serán prioridades para nós. 

Tamén propoñemos un urbanismo mais sostible e centrado na xente, sacando o tráfico pesado do centro urbano, apostando pola construción dunha rede de carril bici e rehabilitando as zonas máis degradadas. Non nos esquecemos da dinamización cultural e a recuperación do noso patrimonio histórico como o Pazo de Goians, facendo de Boiro un concello máis atractivo para visitar e para vivir, dinamizando o comercio e a economía local”.

Por que son de interese as súas propostas?

“O noso programa non é só unha batería de propostas de campaña, é o resumo de todo o traballo que fixemos nesta lexislatura. Todo ese traballo feito en positivo e de xeito constante demostra que estamos preparados para liderar un goberno alternativo que traballe dende o minuto 1 para que Boiro volva a ser de novo o referente social, cultural e económico da comarca”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

Daquela, hai algo máis de cincuenta anos, algúns dos aldeáns e aldeás das aldeas de Lugochegaban ao Instituto para abrir as portas do futuro, pechadas a cal e canto para os fillos daMariña, para os das montañas da Fonsagrada, dos Ancares, do Courel e da Lóuzara...