O BNG acada un plan para impulsar a recuperación das rías e garantir a cobertura económica e social para o marisqueo

08 Maio 2024

O BNG logrou este martes 7 de maio o compromiso do Goberno galego, a través do voto a favor do PP,  a unha batería de medidas para apoiar ao sector marisqueiro e acometer a recuperación das rías galegas. En primeiro lugar, o acordo que defendeu a pobrense Rosana Pérez insta á Xunta á elaboración e posta en marcha de xeito urxente e extraordinario dun plan de cobertura económica e social para as traballadoras e traballadores do mar afectados pola sucesión de condicións climatolóxicas adversas que se veñen producindo dende o mes de outubro.

O plan proposto polo Bloque, co que se comprometeu a unanimidade da Cámara, inclúe “axudas directas dende o mes de outubro e ata que se recupere a actividade con normalidade”, así como a “creación dun seguro público de produción marisqueira que asegure unha produción mínima e garanta uns ingresos e unha renda digna aos traballadores e traballadoras do mar en inactividade”.

Segundo o aprobado, o Goberno da Xunta tamén demandará do Estado a exención das cotas da Seguridade Social para as persoas afectadas ata que se recupere a actividade con normalidade, e se atenderá a situación económica das confrarías que se vexan afectadas por unha importante diminución de ingresos por mor da caída de produción marisqueira.

A iniciativa que defendeu a portavoz de Mar do BNG, Rosana Pérez, compromete ademais ao PP a “elaborar sen máis dilación e de acordo co sector, os centros de investigación da Consellería do Mar e as universidades galegas, orzamentar e executar un plan plurianual de medidas que permitan comezar a recuperación e rexeneración das rías galegas e a súa produtividade”. Trátase, dixo, dun plan que servirá para “artellar os mecanismos necesarios para enfrontar as consecuencias que xa está a tero cambio climático no comportamento e cantidade dos distintos recursos e na actividade pesqueira, mexilloeiro e marisqueira de Galiza”.

Rosana Pérez animou ao PP a “seguir polo bo camiño aprobando as iniciativas do BNG”, neste caso para dar resposta á situación de extrema gravidade que atravesa o sector do marisqueo pola abundancia de choivas que se rexistraron a partir de outubro e o devalo produtivo que se está a producir dende hai máis dunha década.

“Ata hai ano e pouco o PP até negaba unha e outra vez a perda de produtividade nas rías galegas”, subliñou a deputada nacionalista, que máis unha vez enumerou algúns dos efectos da situación que se está a vivir nas rías: mortaldade masiva do marisco, peche de bancos, inactividade e a “perda inxente” de ingresos que afecta a miles de traballadoras e traballadores, e ERTEs nunha morea de confrarías. “En definitiva, unha situación de absoluta emerxencia”, resumiu.

A maiores o BNG gabouse por acadar tamén “o apoio da Comisión 8º do Parlamento a outra importante iniciativa”, pola que se insta ao Goberno galego a “modificar o proxecto de orde de axuda 2024 para as persoas mariscadoras afectadas pola paralización temporal en diferentes bancos marisqueiros intermareais de Galiza, de xeito que os 120 días de actividade extractiva non teñan que ser verificados necesariamente coas notas de venda realizadas nas lonxas ou centros ou centros de venda autorizados, co obxectivo primordial de evitar os posíbeis prexuízos que puideran ter lugar”.

Outros artigos

Luns 20 con ceo cuberto na comarca e temperaturas sen cambios

O luns comeza con ceos parcialmente nubrados sen descartar algunha chuvia feble ao norte. Pola tarde, medrarán nubes de evolución que poden derivar en algún chuvasco, máis probable en comarcas do interior. As temperaturas non terán cambios significativos. O vento...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión