A exposición sobre autismo de Amicos desembarca nas rúas de Rianxo

22 Abril 2024

A campaña impulsada pola asociación da nosa comarca Asociación Amicos para sensibilizar e informar á veciñanza do Barbanza sobre o autismo continúa o seu percorrido polos nosos concellos. Faino cunha exposición divulgativa que comezou a súa viaxe o 2 de abril con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo e que chegou este luns 22 de abril a Rianxo. Coma nas anteriores paradas, na vila organizouse un acto de benvida ao que asistiron o alcalde e a concelleira de Política Social do concello, Julián Bustelo e Ana Vidal, a presidenta de Amicos, Esther Vidal, así como escolares de CEIP ADR Castelao.

Os cativos e cativas do CEEPR de Amicos e algúns dos mozos/as do Centro de Atención Integral da asociación foron, unha vez máis, os encargados de conducir o acto. Este comezou co Pasapalabra do TEA, xogo para o que os e as asistentes foron divididos en dous equipos. Tras un desenvolvemento moi igualado, a dinámica rematou en empate entre os equipos vermello e azul.

Con esta actividade buscase que a cativada se familiarice con novos concepto sobre o autismo. Ao remate do xogo, un dos alumnos do colexio rianxeiro quixo compartir co resto de participantes que os movementos de autorregulación son comúns entre algunhas persoas con autismo.

A continuación, realizouse a presentación da exhibición que estará localizada na praza de Padrón

da vila, moi próxima á estatua da rianxeira. Alí os peques de Oleiros leron o seu manifesto, no que volveron reivindicar que con ou sen autismo, “todos somos iguais e á vez moi especiais”. Alí, tanto

os nenos e nenas de 5º do CEIP ADR Castelao e do CEEPR de Oleiros como o resto de asistentes posaron cunha pancarta conmemorativa para poñer punto e final a unha xornada onde a inclusión e a sensibilización foron os protagonistas.

Durante o acto, a presidenta de Amicos quixo agradecer a compañía dos asistentes, tralo que puxo o foco na importancia da investigación: “É moi importante dar a coñecer que temos o autismo moi preto de nós. Que se continúe a investigar tanto a súa orixe como o que o rodea para que poidamos ofrecer ás persoas que o teñen e ás súas familias a maior calidade de vida posíbel. Dende Amicos continuaremos a ofrecerlle ás persoas con TEA e ao seu círculo todos os apoios que necesiten”.

O encargado de pechar o acto foi o alcalde Julián Bustelo, que comezou salientando “o ben que o fixeron os amicos que conduciron o acto, posto que eu teño que falar en público moitas veces e sei o difícil que é e os nervios que produce”. Asemade, quixo agradecer aos asistentes “por estar hoxe aquí en Rianxo e compartir con nós algo tan importante”. Tamén destacou o papel de Amicos á hora de “dar visibilidade o trastorno TEA tanto para as persoas que o teñen como para as súas familias”, tralo que se dirixiu ás nenas e nenos para destacar que participen neste tipo de accións con vistas a “aprender a ser mellores e deixarnos aprender a nós con vós tamén. Que queirades entender a realidade e as dificultades das persoas con TEA cando esteades con eles no patio, no recreo… e os acompañedes niso”.

Unha viaxe para mostrar a realidade de 1 de cada 100 persoas

Esta campaña informativa naceu coa idea de percorrer distintos puntos do Barbanza para achegarse aos veciños e veciñas de todos os puntos da comarca, co obxectivo de democratizar información sobre o autismo e normalizar este trastorno.

En Rianxo, a praza de Padrón acolle os tótems informativos entre o 22 e o 28 de abril. Noia acollerá a exposición do 28 de abril ao 6 de maio na praza do Concello e Lousame será a última parada no itinerario, onde os monólitos estarán instalados do 6 ao 12 de maio, tamén fronte a Casa Consistorial.

Ata o de agora, xa percorreu os concellos de Ribeira, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal e Boiro.

Outros artigos

Domingo regresa o sol e empeza a subir a temperatura

Na xornada do domingo seguiremos con aire frío en altura xerando inestabilidade atmosférica. Unha situación que favorecerá a formación de chuvascos, localmente treboentos, máis probables e frecuentes no interior e nas horas centrais do día. As temperaturas mínimas...

+

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar

O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo. O concelleiro de Mar, Fernando...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...