
O Concello de Ribeira quere dar unha nova vida á Casa da Xuventude, inmóbel situado nas Abesadas que está volvendo á plena actividade logo dun tempo en pausa por motivos estruturais, principalmente. Por este motivo, dende o Consistorio anunciaron a posta en marcha dun proceso de colaboración cidadá para retomar a actividade do edificio. A concelleira de Mocidade Antía Alberte fixo un chamamento á veciñanza para que envíe propostas (actividades, obradoiros, eventos, charlas, servizos) a través do teléfono 981 835 289 ou a conta de correo xuventude@ribeira.gal. “A Casa da Xuventude é un espazo feito para vós”, sinalou Antía Alberte dirixíndose á mocidade local, na compaña do técnico de Xuventude Mario Vidal.
A Casa da Xuventude abriu de novo as súas portas a pasada primavera logo dunha reforma integral que supuxo un investimento de 300.000 euros e que atinxiron á interior e ao exterior do inmóbel, mesmo á súa contorna. Procedeuse entre outras cousas á demolición dos muros perimetrais e á protección do edificio de cara as inclemencias do tempo. Tamén se habilitou unha nova envolvente térmica e substituíuse a carpintaría exterior. No interior púxose en marcha unha sala de usos múltiples nun dos albergues dos que dispuña o edificio inaugurado en 2010.



