
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, fixo un novo balance do acadado polo dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos granulados plásticos perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas. Segundo fixo saber, o dispositivo permitiu recuperar ata o momento preto de 2.800 quilos deste material, o equivalente 111 sacos. Vázquez engadiu que desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais máis de 6.000 quilos doutros plásticos asimilábeis a residuos urbanos.
No día deste martes 16, apuntou, “o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias algo máis de 300 quilos de bólas plásticas, o equivalente a 12 sacos deste material, así como 800 quilos doutro lixo presente na costa que pode depositarse no contedor amarelo”. A conselleira detallou que o operativo da Xunta para a vixilancia, detección e limpeza, por terra e mar, está integrado hoxe por máis de 400 efectivos repartidos por 58 praias pertencentes a 28 concellos. Mentres, dixo, por mar o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como 11 patrulleiras de menores dimensións. A este operativo engádese unicamente o avión de Salvamento Marítimo do Estado Rosalía de Castro.
Vázquez destacou “o importante esforzo que realiza o persoal de Gardacostas para colaborar no operativo” e cubrir, segundo explicou, “a falta de medios do Goberno central sen desatender outras obrigas como o apoio aos máis de 4.000 buques pesqueiros e arredor de 2.000 barcos bateeiros da comunidade, o salvamento ou a vixilancia e control da frota”.
Lembrou tamén que o Pesca 2 participou a pasada madrugada no rescate de cinco tripulantes dun pesqueiro que embarrancou fronte a Ribadeo.
Tamén puxo o foco nas previsións meteorolóxicas e de correntes para os próximos días, que “son menos favorábeis para a chegada de vertidos á costa galega, tal como recolle a simulación realizada polos técnicos do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) sobre a deriva dos sacos perdidos polo Toconao desde comezos de decembro”.
“Esa simulación dos profesionais do Plan Camgal está feita partindo da base de que todos os sacos saíron do contedor. Dese xeito estariamos practicamente libres dos sacos, pero non podemos afirmalo rotundamente, por iso pedimos información ao Goberno central sobre o estado do contedor e ese robot para, se aínda ten sacos dentro, poder selalo. Pero non tivemos ningún tipo de resposta”, engadiu.
En canto á creación do comité científico, salientou que xa está conformado e que o próximo venres celebrarase o acto de constitución na sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR). “Neste organismo, aberto a novas incorporacións, están 17 expertos de 11 entidades entre as que se inclúen as tres universidades galegas, centros relacionados coa investigación do medio mariño, organizacións ambientais e outras administracións a través de organismos dependentes do Goberno central”, detallou a representante do Executivo galego.
O obxectivo deste ente de nova creación será “elaborar un plan de seguimento sobre os efectos dos plásticos a curto, medio e longo prazo; análise dos efectos deste material nos ecosistemas mariños, con especial atención á fauna mariña e da avifauna costeira; e valoración das boas prácticas e das regulamentacións necesarias para prever posibles verteduras plásticas”. Ademais, engadiu, “permitirá avanzar nas boas prácticas e avaliar cuestións de interese no eido normativo para trasladar ao Goberno central ou á Comisión Europea”.



