“Pélets, discordias. intereses políticos, pero que pasa cos afectados?” – Antón Luaces

11 Xaneiro 2024

Microplásticos, pélets, contedores, mareas e un buque que se perde no horizonte das compañías de seguros e o entramado societario para evadir responsabilidades e pagamentos por danos. Aquí xa non paga quen contamina, pagan os profesionais do mar: mariñeiros e mariscadores que nin pescan nin marisquean e, polo tanto, non gañan. Pagan os de sempre nesta Galicia que xa ten perto de 40 praias afectadas polos pélets plásticos nas que a maioría das persoas que traballan para eliminar as bolechas que as contaminan (por máis que digan que non son tóxicas) realizan motu propio ese labor impagable que evita na medida do posible que as aves mariñas confundan pélets con comida, os peixes fagan o mesmo e os bivalvos realicen as súas funcións cotiáns  sen sequera enterarse de se é para ben ou para mal. Galicia, unha outra vez, paga os pratos rompidos. 

Mentres, a Xunta eleva a 2 o nivel de afección das praias ás que chegou a vertedura dun dos seis contedores perdidos no Atlántico polo mercante “Toconao” o pasado 8 de decembro a 40 millas da costa portuguesa, á altura da localidade de Viana do Castelo.

Galicia e Asturias son, polo de agora, as comunidades máis afectadas por esa vertedura dun contedor en cuxo interior había 26,25 toneladas de pélets distribuídos en 1.050 sacos de tea de rafia de 25 quilos cada en seu. 

A que xa se denomina “marea branca” (para diferenciala da marea negra do Prestige)  causa un impacto negativo non avaliado aínda que se suma aos días de obrigado amarre da frota pesqueira debido aos continuados temporais de mar e vento; ao desalgado das augas das rías que impiden -aínda a día de hoxe- que os mariscadores podan extraer ameixa e berberecho dos bancos nos que con tanto mimo traballaron e vixiaron durante meses. E, tamén hai que dicilo, a perda de mercados por un medo en boa medida xustificado pola inacción das administracións autonómica e central máis dadas ao enfrontamento electoralista que á solucións efectivas dun problema de graves consecuencias económicas e sociais.

Galicia reaccionou tarde, ao igual que o Goberno central. E cando o fixeron foi para facer recaer no outro a culpa do acontecido. 

Portugal limitouse a informar do accidente. Os pélets non quedaron na costa lusa. Dende un principio sabíase que polo efecto das mareas e o vento, as bolechas virían cara a Galicia. Nada se xogaban os veciños do sur, e a empresa propietaria do “Toconao” liquidou a súa responsabilidade emitindo un comunicado no que anunciaba que asumía os danos provocados pola vertedura de pélets. Pero quen se responsabiliza verdadeiramente no conglomerado administrativo do que a empresa armadora do mercante -oficialmente liberiano- forma parte?.

A Xunta pide o imposible ao Goberno como aportación a ese recoñecemento do nivel 2 que da opción ao Goberno central a intervir mas tarefas anticontaminantes. O mesmo Goberno que di que a petición do goberno autonómico -que triplica os  medios empregados no caso “Prestige”- é unha  carta aos Reis Magos”, o que evidencia é un compromiso que, de non ser nunha situación tan grave como a que relatamos, movería á gargallada máis sonora.

Pouca lacha, señoras e señores. Pouca vergoña e mínimo compromiso que, probablemente, se reflicta nos resultados das eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro. Tempo ao tempo.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...