Agárdanse refachos de vento de máis de 100 km/h na Costa da Morte e chuvias persistentes no litoral atlántico
Galicia afronta este martes 29 unha xornada marcada polo mal tempo debido á chegada dunha fronte fría vinculada a unha cicloxénese explosiva que se desenvolverá no Atlántico, ao oeste de Irlanda. A borrasca deixará un temporal de vento e auga que afectará con especial intensidade á metade occidental da comunidade.
Segundo as previsións meteorolóxicas, as precipitacións comezarán a gañar forza a partir do mediodía no terzo oeste, onde se esperan acumulacións superiores aos 40 litros por metro cadrado en doce horas na fachada atlántica. Polo que respecta aos termómetros, as temperaturas mínimas manteranse sen grandes mudanzas, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro descenso.(máximas de 22 a 24 graos).
O vento será o protagonista destacado do día. Soprará con forza de compoñente sur, con refachos xeneralizados que superarán os 80 km/h e que acadarán intervalos moi fortes en cotas altas e no litoral. Na Costa da Morte, os golpes de vento poderán pasar dos 100 km/h, polo que se recomenda extremar a precaución nas estradas e nas zonas costeiras expostas.

O noso mar:Vento do sur á mañá e á tarde e do sur á noite, forza 6 a 7 á mañá, 6 a 8 á tarde e 2 a 4 á noite. Media vaga á mañá e á tarde e marusía á noite. Visibilidade boa á mañá e á noite e regular á tarde. Mar de fondo do noroeste á mañá e oeste á tarde e á noite, con ondas de 0.5 a 1.5 metros á mañá, 0.5 a 1 metros á tarde e 2 a 2.5 metros á noite.



