
É demasiado habitual que no litoral galego se produzan situacións de contaminación ou verteduras incontroladas, ben por parte de certas empresas, buques mercantes ou pesqueiros ou pola neglixencia de particulares, pouco sensibilizados co medio ambiente mariño e a súa contorna. Estas accións provocan a mortaldade de varias especies pesqueiras e marisqueiras así como a diminución nos ingresos dos produtores e, en ocasións, supoñen un prexuízo para a propia saúde pública.
En moitas ocasións, os profesionais do mar e as súas organizacións representativas actúan de maneira moi diversa. Uns, están sempre alerta, reivindicando as responsabilidades e protestando para tratar de que se poñan os medios necesarios para paliar as consecuencias. Outros, unha gran maioría, déixanse levar pola corrente e posiciónanse nun silencio cómplice coas administracións públicas ou entidades privadas responsables.
A estas alturas do século XXI vai sendo hora de que certas entidades pesqueiras, como as Confrarías de Pescadores, consigan modernizarse e estean co devir dos tempos. Que deixen de depender tanto da tutela e as axudas económicas e materiais da consellería correspondente, pola contra están a ser reféns das súas decisións e actuacións. Hai que arrimar o ombreiro e defender o interese xeral, non só os intereses particulares dun sector ou outro. O medio ambiente é de todos e entre todos temos que preservalo. Menos demagoxia e compracencia e máis compromiso e valentía.



