
O Concello de Ribeira vén de convocar, en colaboración coa organización Greenpeace, unha xornada de limpeza de aglomerados (pélets) de microplástico que asolan os areais do litoral galego.
A xornada está fixada para este sábado 13 de xaneiro entre as 10:00 e as 13:·30h por ser “horas de baixamar”. Esta xeira de traballo colectivo estará coordinada por membros do Grupo Municipal de Emerxencia (GAEM) de Ribeira e por profesionais ambientais.
Dende o Executivo local, a concelleira de Medio Ambiente Antía Alberte e o concelleiro de Mar Fernando Abraldes, aproveitaron a comunicación da convocatoria para lembrar “a importancia de acudir en grupos ou colectivos organizados para evitar danos maiores na flora e na fauna, xa que hai zonas de alto valor ambiental que precisan dun coidado especial”. Segundo os edís, “na limpeza organizada polo Concello para o sábado daranse instrucións de como se debe realizar unha limpeza do lixo mariño e, particularmente, das bólas de plástico que nestes días chegan aos areais”.
Petición de recursos
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, explicou a maiores que “malia que non ser unha competencia dos Concellos a realización deste tipo de limpezas de verteduras contaminantes”, dende o “Goberno local non podemos mirar para outro lado mentres millóns de bólas de plástico chegan á costa ribeirense” e declarou: “Poñémonos á fronte sendo a primeira Administración en actuar para atallar esta crise ambiental”.
Pérez Barral engadiu que segue tendendo a man para “coordinar efectivos” e reclamou que “se poñan a disposición recursos e persoal para facer estas limpezas, así como transparencia e comunicación dos pasos que vai dar a Xunta, xa que até o momento non houbo ningún tipo de comunicación”. E engadiu: “Non pode ser que esteamos ante unha crise ambiental e a Xunta se negue a falar cos concellos ou deixe as limpezas en man do voluntariado”.



