
O Concello de Boiro celebrou na mañá deste 10 de xaneiro unha comisión de seguimento do estado do litoral para programar a mobilización de medios no caso da chegada de bólas plásticas ás praias do municipio (os vertidos de aglomerados do buque mercante Toconao). Na xuntanza participou o alcalde, José Ramón Romero, e outros membros do Goberno local, así como técnicos de medio ambiente, Protección Civil e a Policía Local.
“Aínda non se detectou a chegada de pélets ás nosas praias pero estamos moi pendentes da súa evolución e revisámolas a diario para estar preparados e coñecer os medios dos que imos dispoñer para a limpeza dos areais”, afirmou o alcalde. Na xuntanza acordouse o protocolo a seguir para a coordinación de persoas voluntarias para a limpeza no caso da aparición dos plásticos, polo que os participantes acordaron pregar “a calquera persoa que localice un vertido se poña en contacto con Protección Civil para corroborar de que se trata e poder comezar co protocolo de forma organizada”.
Segundo fixeron saber, o actual Goberno da Xunta de Galicia volve demostrar que non lle interesa nada o noso mar, deixando toda a responsabiliade desta catástrofe medioambiental aos Concellos que “non dispoñemos dos recursos necesarios para facerlle fronte”, lamentou o alcalde. O Concello de Boiro vén de solicitar á Consellería do Mar e á Delegación do Goberno información sobre como debe ser o protocolo de actuación e de xestión dos residuos recollidos unha vez activado o nivel 2 de alerta.
Calquera persoa que detecte un vertido sospeitoso nas praias que poidan ser aglomerados plásticos do dito buque debe poñerse en contacto con Protección Civil de Boiro no 610 55 83 83.



