A candidata de Sumar Galicia á Xunta de Galicia e portavoz de Sumar no Congreso dos Deputados, Marta Lois, e a eurodeputada e coordinadora de Programa de Sumar, María Eugenia Rodríguez Palop, rexistraron este martes 9 de xaneiro unha pregunta á Comisión Europea para esixir ao comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius, medidas para facer fronte á crise ambiental xerada pola vertedura de pellets plásticos que afecta ás nosas costas, caídos ao mar dende o buque Toconao. Así mesmo, a portavoz e a eurodeputada tamén lle enviaron unha carta na que lle solicitan unha reunión urxente para abordar esta situación.
Carta de Sumar Galicia
Estimado Comisario de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicus
Dirixímonos a vostede para manifestarlle a nosa profunda preocupación por unha vertedura contaminante de millóns de pellets de plástico que chegou ás costas galegas e que se está a estender ata o litoral asturiano. Os expertos advertiron do risco para
os organismos mariños, que inxiren estas bólas ao confundilas con alimentos. O Goberno de Galicia tiña constancia deste problema desde que se atoparon os primeiros residuos, o pasado 13 de decembro, pero non activou o plan de contixencia, de competencia
exclusivamente autonómica, ata o pasado 5 de xaneiro. Neste período as tarefas foron asumidas polos concellos afectados e a sociedade civil galega, mentres que o Goberno galego limitouse a refuxir a súa responsabilidade e dicir que o material “non é tóxico nin perigoso”.
Con todo, a Comisión Europea recoñeceu o impacto negativo da contaminación por microplásticos e, en particular, de bólas de plástico, para o medio ambiente, a biodiversidade e a saúde humana. O pasado mes de outubro, a Comisión propuxo un Regulamento sobre a prevención das perdas de granza de plástico, que se enmarca á súa vez na Estratexia da UE sobre o Plástico, o Plan de Acción para a Economía Circular e o Plan de Acción “Contaminente Cero”, como resposta a este problema.
Evidentemente, non se trata de sinalar como responsable da vertedura de microplásticos á Xunta nin ao seu presidente, Alfonso Rueda, senón de denunciar que a inacción e a negación do problema agravou a situación nas costas españolas. As conversas que mantiveron as administracións demostran que tiñan constancia desta vertedura 21 días antes de o que agora manifestan. Por todo iso, solicitamos unha reunión con vostede para tratar a fondo a cuestión, achegándolle a información e a documentación necesaria. Solicitámoslle tamén á Comisión que expoña medidas ante a irresponsabilidade da Xunta á vista da gravidade dos acontecementos.



