O PSdeG reclama á Xunta un paso cuberto no CPI Cernadas de Castro de Lousame para “que o alumnado deixe de mollarse” 

09 Novembro 2026

O PSdeG-PSOE presentará unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 para que se inclúa, como investimento prioritario, a construción dun paso cuberto no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro de Lousame, desde a zona de parada dos autobuses, no patio superior, ata a porta de acceso ao centro. 

Os socialistas din que Lousame é “un concello esquecido polo Goberno galego do Partido Popular, xa que no proxecto de orzamentos autonómicos para 2027 presentado no Parlamento non figura ningún investimento para o municipio”. 

Lembran, nun plano máis concreto, que o Grupo Municipal Socialista de Lousame “xa presentou en xaneiro de 2026 unha moción para instar á Xunta e á Consellería de Educación a cubrir o patio superior do centro, onde paran os autobuses, e a construír un paso cuberto ata a entrada”. Critican que a iniciativa non chegou a incluírse na orde do día de ningún pleno e engaden que “a día de hoxe non temos ningún tipo de resposta nin por parte duns nin por parte doutros; e parece ser que se segue estudando ese proxecto, pero resulta que nos orzamentos deste ano non está dito investimento en Lousame; mellor dito, en Lousame non hai ningún tipo de investimento neses orzamentos”, sinalou o voceiro socialista en Lousame, Juan José Prego. 

Na moción, os socialistas lembraban que “Lousame é un dos concellos onde máis chove de Galicia e do Estado, con 2.928 litros por metro cadrado en 2022, e que o alumnado ten que percorrer a pé o traxecto descuberto entre a parada do bus e a entrada do colexio, o que provoca molladuras frecuentes que obrigan en moitas ocasións a nais e pais a desprazarse ao centro para levar roupa seca ou a pedir permiso no traballo, cun problema engadido de conciliación”. 

A moción pide tamén pavimentar o recinto escolar para evitar a formación de pozas, unha acción conxunta de todos os grupos municipais para sacar adiante o proxecto e que o Concello poida controlar a calidade da obra. Ademais, salientan que “a cuberta crearía un patio protexido de máis de mil metros cadrados para que o alumnado poida saír ao recreo nos días de choiva”. 

“O que queremos é que os nosos rapaces e rapazas non se mollen tódolos invernos no traxecto da parada do autobús ata o centro”, engadiu Prego. 

Pola súa banda, a deputada autonómica Patricia Iglesias criticou que Lousame sexa “un concello esquecido polo goberno galego do Partido Popular nos vindeiros orzamentos que se presentaron no Parlamento pola Xunta de Galicia” e queixouse de que “o Concello nin sequera permitise debater a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista”. 

“Nós emendaremos os orzamentos para o 2027 e pediremos como prioritario este investimento dunha cuberta dende a parada do bus ata a entrada do colexio, para que os nenos e nenas de Lousame do CPI Cernadas de Castro non se mollen. Insistiremos e emendaremos os orzamentos para o 2027 para o concello de Lousame”, concluíu Iglesias. 

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O importante é chegar”. Loís Celeiro

“O importante é chegar”. Loís Celeiro

Chegou á estación de Renfe coa metade da lingua fóra da boca, tan fóra que a punta daquela lingua calada mollaba e ensuciaba o nó da garabata, que lucía as cores do arco da vella. Antes de suar aquela fermosa prenda de vestir arroupaba a elegancia dun home feito e...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.