
Unha noite máxica, para os nenos. Todos plasmaramos, nunha folla en branco, parte dos nosos desexos e ilusións. Esperamos que se cumpran e que os tres magos de Oriente cheguen cargados de boas noticias a pesar de que, nas súas afastadas terras, estean a ser masacrados por auténticos xenocidas que non respectan a vida dos demais.
Cando nenos, desexabamos atoparnos cos tres magos nesas noites escuras, frías e chuviosas. Pouco iluminación pública e escasa luz nos fogares, cando non tiñamos as velas acesas ou as lanternas mirando ao teito. Nunca puidemos velos, pero non se esquecían en agasallarnos cunha parte das nosas peticións. Era moi ilusionante para todos nós; teriamos uns xoguetes novos, cos que presumir ante os compañeiros.
Ese día, comezaba moi cedo co roteiro de visitas ás casas dos familiares máis directos, avós e tíos principalmente, para comprobar se non se esqueceran de nós. Máis tarde, na misa de doce, tamén podiamos ter a sorte de recibir algún obsequio, como premio da nosa puntualidade e asistencia á catequese.
Eran outros tempos, eran outras vidas, eran outros costumes e tradicións. A pesar de todo, a ilusión non se chegou a perder.



