
A Xunta investirá un 30% máis nas prazas de atención diúrna e residencial para persoas con discapacidade que xestionan as entidades sociais a través das convocatorias xa en marcha do concerto social. Así o sinalou este 22 de decembro a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, durante unha vista ao Centro de Recursos da Barbanza da Asociación Ámbar, en Frións (Ribeira), onde está asociación ten en funcionamento centro de día e un centro ocupacional.

Abeijón explicou que “a través do concerto social, Ámbar pasará a recibir 831.000 euros ao ano para o financiamento de 69 prazas públicas nos seus centros, o que supón un aumento superior aos 200.000 euros que recibe cos contratos actuais”. Ademais, repasou outras colaboracións que ten o Goberno galego con Ámbar por medio da liña de axudas do IRPF ou a concesión este mesmo ano dunha subvención de 42.700 euros para a compra dun vehículo destinado ao traslado dos usuarios dos seus centros.
A directora xeral destacou “o compromiso de Ámbar coa plena inclusión”, así como “a profesionalidade e o cariño con que o seu persoal coida das persoas que acoden diariamente ás súas instalacións, e que fan desta entidade unha referente en Galicia no ámbito da atención á discapacidade”.

Begoña Abeijón estivo acompañada na súa visita por Milagros Rey, presidenta de Ambar; Anxo Queiruga, presidente de COGAMI; Alicia Romero, secretaria da Asociación Ambar e Helena Teira, coordinadora xeral de Ambar.
As responsábeis de Ambar sinalaron que “para as persoas profesionais da asociación é moi importante prestar un servizo de calidade en todas as áreas que abrangue a entidade, dende formación para o emprego ata vivenda con apoio. Xa levábamos uns anos comentando con Fabiola que éramos os prexudicados do movemento asociativo… ao ser pioneiros neste campo, as primeira prazas que tivemos pagábanse daquela forma e quedabamos un pouco estancados. Grazas ao novo concerto, imos poder prestar un mellor servizo ás persoas que acudan ao centro”.

Na súa visita a directora xeral coñeceu as instalacións do Centro de Recursos e ás persoas usuarias que lle amosaron os diversos obradoiros e servizos que se levan a cabo na entidade, dende formación para a vida, pasando por artesanía, centro de día, artes escénicas e artes plásticas.

Durante esta xornada, Begoña Abeijón puido coñecer de primeira man os proxectos e necesidades aos que se enfronta Ambar na súa andaina. Tanto profesionais do equipo como persoas usuarias do centro amosaron moita alegría pola visita de Begoña Abeijón e estarán encantados de recibila cos brazos abertos en vindeiras ocasións.



