A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeu este 21 de decembro un novo modelo enerxético que “impulse o autoconsumo” para “democratizar” a riqueza enerxética do país, se obtén a confianza dos galegos e das galegas para ser a próxima presidenta da Xunta. Así o dixo en Mazaricos, onde visitou as instalacións de Piensos Alborés para avaliar o impacto que tivo na súa produción a implantación dunha planta fotovoltaica para a xeración de enerxía, unha experiencia que, en palabras de Pontón, exemplifica “como con outro modelo enerxético” as empresas poden reducir a súa factura eléctrica, o que considerou clave non só para o sector industrial senón tamén para o agrogandeiro.
Por iso, dixo, “fronte ao modelo do Goberno do PP que entrega a riqueza eléctrica do país ás grandes enerxéticas”, a líder nacionalista defendeu a alternativa do BNG que aposta por “democratizar a enerxía”, impulsando un modelo máis descentralizado, incrementando o mix enerxético e poñendo “toda esa riqueza eléctrica ao servizo das familias e das empresas”.
Neste sentido, comprometeu o impulso do autoconsumo eléctrico e da enerxía distribuída, opcións “boicoteadas polo Executivo do PP dende co imposto ao sol ata con trabas burocráticas que fan moi difícil a participación” neste tipo de alternativas. Co obxectivo de impulsalas, Pontón considerou preciso superar a visión simplista do autoconsumo como “algo pequeno” e limitado ao nivel familiar e concibilo dende unha perspectiva máis ambiciosa dotándoo dunha dimensión maior “que inclúa tamén á pequena e mediana empresa”.
De igual xeito, defendeu o fomento da creación de comunidades enerxéticas, incentivando a participación cidadá e a implicación das administracións locais, e o impulso dunha “estratexia que impulse o autoconsumo tamén en polígonos industriais e en zonas que teñen unha concentración de actividade moi importante que o permite”.
Pontón tamén apostou polo desenvolvemento dunha normativa propia que favoreza o autoconsumo e axilice a tramitación deste tipo de iniciativas enerxéticas, “eliminando as trabas burocráticas”, co obxectivo de “fomentar que cada vez as eléctricas teñan menos poder e que teñamos tanto unha produción como unha distribución de enerxía moito máis democrática e plural”.




