
Elvira Pisos, presidenta da Asociacion Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, Sofia Pego, delegada en Ribeira e Rocío Bua, secretaria e fundadora de AGAPREM, entregaron á Asociación Galega de Familias de Nenos Prematuros, no Conservatorio de Aguiño, o cheque simbólico por valor de 700,00 € dos donativos recadados na XIV Mostra de Teatro Afeccionado Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño 2023. Foi, sinalaron, unha cantidade record, pois a recadación máis alta ata o momento foron 500 € a Art For Dent a edición pasada en 2022.
Todos os días da mostra houbo cheos absolutos, con preto de 250 persoas e un total dun milleiro ao conxunto da mostra.

A Asociación Francisco Lorenzo Mariño agradeceu a colaboración coa Mostra de Teatro do Concello de Ribeira, da Deputación da Coruña e de empresas como CONRESA, Fripusa, Farmacia Mariño, Digar ou Combustibles Puebla.

A última actuación foi a cargo de Bradomín da Pobra do Caramiñal, precedida dunha cita que coincidiu co Día contra a Violencia de Xénero, o 25N, e que veu da man do histórico grupo Airiños de Rianxo, que está a celebrar os seus 90 anos de andaina e que en Aguiño representaron As vellas non deben de namorarse, con texto orixinal de Castelao e adaptación da directora Amantia Coelho.

A Asociación Francisco Lorenzo Mariño mostrou a súa satisfacción por esta acollida ao tempo que anuncia que “temos xa chea a carroza de Reis coa que imos participar na cabalgata de Ribeira con cativos de 5 a 10 anos vestidos de árbores de Nadal”.
Despois de ter participado coa actuación do Grupo de Canto e Pandeireta As 7 Linguas no espectáculo de Nadal de Bailadela do pasado 16 de decembro no Auditorio Municipal de Ribeira, a asociación comezará a traballar nas actividades do ano vindeiro, en primeiro lugar coa organización da XIX Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño que está prevista para a derradeiro finde de xaneiro de 2024.


