Manuel Ruiz e María Sampedro sosteñen en Carreira que o PP representa o “cambio necesario para España”

18 Novembro 2026

A Casa da Cultura de Carreira acolleu onte unha xuntanza veciñal para coñecer as propostas da candidatura do PP ao Goberno central liderada por Alberto Núñez Feijóo e que se decidirá nas urnas o vindeiro 29N. O candidato á Cámara Baixa das Cortes Xerais pola provincia da Coruña, Manuel Ruiz, e a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, defenderon na súa intervención que “o goberno do Partido Popular é o cambio necesario para España”.

Ruiz cualificou de “nefasta” a xestión de Pedro Sánchez á fronte do Executivo estatal e puxo como exemplos “o acontecido nos dous accidentes ferroviarios e a actual crise migratoria que se vive en Ceuta”. Con relación a isto último, sinalou que “pretenden poñernos a etiqueta de racistas cando criticamos o que está sucedendo. Claro que queremos migración, pero co que non podemos concordar é coa maneira na que están actuando os socialistas nesta situación”.

O candidato tamén criticou a “falta de palabra, as mentiras de Pedro Sánchez cando rexeitaba de Podemos ou aseguraba que nunca pactaría con Bildu; e resulta que son socios de Goberno”, sentenciou.

Pola súa parte, María Sampedro dixo que “estamos ante un Partido Socialista con numerosos casos de corrupción, moitos deles arredor do propio presidente; un presidente que, ante a presión, escapa para descansar e non está á fronte para resolver. Demostran unha total incapacidade e desleixo; pero Alberto Núñez Feijóo si amosou sempre as súas aptitudes e xestión como durante a etapa que presidiu a Xunta de Galicia. Agora queremos ese liderado, ese bo facer, ese sentidiño, no goberno central e conseguirémolo na cita que temos coas urnas no 29N”.

A rexedora engadiu a isto que “este si que é o voto útil, este é o momento para que se escoiten as demandas de Galicia a nivel estatal. Non como fai o BNG, que moito presume de ser o altofalante e en todo este tempo non fixo absolutamente nada polos intereses dos galegos”.

Os populares salientaron diversas actuacións executadas no municipio, como a propia Casa da Cultura de Carreira, a cuberta do parque infantil ou o novo Auditorio municipal. “Son unhas infraestruturas moi importantes que o BNG quixo facer como propias durante o seu tempo na Alcaldía, pero as mentiras teñen as patas moi curtas. Foron os mandatos liderados polo PP os que incrementaron as prestacións en Ribeira, tamén en servizos básicos como o abastecemento. Se soubemos facer un bo traballo a nivel local, tede por seguro que se fará tamén a nivel estatal”, sentenciaron.

Os mitins continúan hoxe en Castiñeiras, no local parroquial; en Oleiros, no Centro Social, no xoves 19, ás 20.00 horas; en Aguiño, na Casa de Cultura, no venres 20, ás 19.00 horas; en Ribeira, na carpa da rúa Galicia, no domingo 22, ás 19.30 horas, e que contará coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; en Corrubedo, na Casa do Mar, no luns 23, ás 20.00 horas; en Palmeira, no bar Baluarte, no martes 24, ás 19.30 horas; en Olveira, no local da comunidade de montes, no mércores 25, ás 20.30 horas; e en Artes, no Centro Recreativo, no xoves 26, ás 20.00 horas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Pensar doe”.  Xosé A. López Silva

“Pensar doe”.  Xosé A. López Silva

.Hai xa bastantes anos insistíalle eu a un alumno que se atascara nunha tradución do latín: «Pensa, pensa!». O rapaz moveu a cabeza e, ao cabo duns segundos, estoupou, o pobre: «Pensar doe, profesor!». Durante moito tempo contei aquela resposta como unha simple...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.