
En resposta á crecente preocupación dos veciños sobre o estado do Centro de Saúde de Dodro con carencia de médicos incluída, entre outros problemas, reuniuse este venres 15 de decembro unha concentración diante do ambulatorio local para que a mobilización veciñal transmitira ao SERGAS a súa “profunda inquedanza” e para esixir “accións concretas co obxectivo de preservar e reforzar os nosos servizos de saúde”.
A concentración, que tivo lugar diante do Centro Médico de Lestrobe, reuniu a un numeroso grupo de usuarios e veciños, que lembraron que “a sanidade pública é un dereito fundamental para todos os habitantes do noso concello”.
No transcurso da concentración leuse o Manifesto pola Atención Primaria Sanitaria no que se fixo unha análise da situación actual no centro médico: “Nas últimas semanas, o Centro de Saúde de Dodro veu recortado o seu cadro de persoal, a marcha dun facultativo médico non foi cuberta cun novo profesional médico, co que unha persoa soa tivo que facerse cargo do traballo de dúas”. Ao seu xuízo, esta situación deriva no seguinte: “Maior número de consultas, ampliación do tempo de espera para sermos atendidos, estrés para o profesional médico, maior utilización do servizo de urxencias ou maior desprazamento para as consultas médicas”.
Todo isto, engaden, “redunda nunha peor calidade do servizo sanitario, servizo fundamental nun concello con tanta poboación maior”.
Tamén recordaron que os problemas non son “novos”: “En Dodro o servido de pediatría que atende tres días a semana tampouco é cuberto ante a falta deste profesional por deferentes motivos, baixas, vacacións…, chegando a estar en períodos de 15 días sen persoal que atenda aos nosos menos e nenas. O goteo incesante de problemas creados por quen ten que lle poñer solución fai que hoxe teñamos que reivindicar o que pensabamos que sempre estivo aquí, para coidarnos, unha sanidade pública de calidade e próxima, tanto na distancia física como na calidade da asistencia.”
O manifesto rematou coas demandas dos usuarios no que se reflectiu as solicitudes dos mesmos:
“Demandamos da Consellería de Sanidade a inmediata solución deste problema de falta de persoal médico, algo que non é de hoxe, pero que se ben agravando nas últimas semanas e que segue unha liña de desmantelamento do servizo sanitario público, que desde Dodro non imos tolerar. Facemos por último pero máis importante, un chamamento a todas as persoas de Dodro, así como ás organización da sociedade civil, para que nos unamos na defensa da atención primaria sanitaria no noso concello e por extensión nos ámbitos rurais e máis pequenos. Xuntos, podemos construír comunidades con servizos sanitarios axeitados que nos permitan seguir vivindo en Dodro, como o mellor lugar do mundo. Non ao desmantelamento do Centro de Saúde de Dodro.”
O acto rematou lembrando os organizadores que “esta concentración non é a derradeira senón que durante os luns dende as 10:30h a 11:30h segue habendo mobilización e os usuarios poden acudir á mesma e que non se vai a aceptar ningunha medida tomada polos responsables que restrinxa a atención sanitaria no concello de Dodro e que están dispostos a volver ás concentracións se non hai solución que volva aos niveis de atención médica anteriores, dous médicos a tempo completo”.



