O BNG acada un acordo co PP para mellorar de maneira inmediata o servizo de transporte na comarca da Barbanza

30 Novembro 2023

A deputada do BNG Rosana Pérez denunciou de novo no Parlamento o funcionamento “caótico” e a “situación insostíbel” do servizo de transporte público por estrada na comarca da Barbanza. Ante os reiterados incumprimentos por parte da empresa concesionaria e as consecuencias que sofren a diario dende hai anos os usuarios e as usuarias dos autobuses, o BNG logrou un acordo para mellorar o servizo ao aceptar unha emenda do PP, coincidente coa proposta nacionalista no primeiro punto, para dar cumprimento “inmediato” aos acordos unánimes tomados xa no Parlamento en abril do 2022 e en maio do 2023.

No acordo do 2022 o Parlamento xa reclamou estudar os “múltiples e importantes problemas” no transporte da Barbanza e adoptar as medidas oportunas para garantir o cumprimento do contrato e, de ser o caso, abrir os expedientes e interpoñer as sancións oportunas. Tamén se reclamaba demandar á concesionaria unha mellor información aos usuarios, con horarios en todas as marquesiñas e paradas, e trasladar á empresa (Monbús) todos os problemas mencionados.

“Se se cumpre ese punto xa nos damos cun canto nos dentes”, considerou Rosana Pérez, que na defensa da súa iniciativa acusou á Xunta do PP de actuar como un “muro de contención” ante as propostas que chegan do Parlamento.  

O acordo aceptado este mércores polo BNG inclúe tamén instar á Xunta a  “utilizar todas as ferramentas incluídas no prego de cláusulas administrativas para acadar a mellora na prestación do seu servizo de transporte público na comarca da Barbanza”. Na defensa da proposición non de lei do BNG, Rosana Pérez reclamou, neste sentido,  a rescisión do contrato e un novo concurso para adxudicar o servizo na comarca tendo en conta “todos os antecedentes á hora da adxudicación”.  

Rosana Pérez urxiu ao Goberno do PP a resolver a “absoluta desatención” que veñen padecendo as persoas usuarias. Porque a situación, segundo denunciou, vén de vello e durante os últimos anos foi a peor, até o punto de que os usuarios crearon xa unha plataforma cidadá para reclamar un servicio de transporte digno.

Entre os problemas aos que fixo mención figura o incumprimento de horarios, retrasos “até o punto de que en moitas ocasións os viaxeiros teñen que agardar polo autobús unha hora”, así como a falta de información, buses sen prazas nas horas punta, falta de conexións cos hospitais de referencia na comarca, o estado “absolutamente calamitoso” dalgúns vehículos ou as  dificultades na accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida. “Non son incidencias puntuais”, advertiu a deputada nacionalista, que reprochou á Consellería de Infraestruturas, encargada deste servicio, que non cumpra o seu propio Plan de Transportes e “consinta todos os días o absoluto desprezo” aos miles de persoas que a diario utilizan o transporte público na Barbanza.

“A realidade diaria de miles de persoas faise cada vez máis insostíbel, o que provoca malestar, protestas dos usuarios e usuarias, nomeadamente do transporte escolar, denuncias dos concellos de continuos e flagrantes incumprimentos da empresa e, en definitiva, cada vez máis tensión pola desatención e caótico funcionamento do transporte público”, denunciou na súa iniciativa.  

Outros artigos

O alumnado do Tahume XI mellora novos espazos públicos de Ribeira

O Obradoiro de Emprego Tahume XI, impulsado polos Concellos de Ribeira e O Porto do Son, continúa avanzando con traballos en novos espazos nos dous termos territoriais da nosa comarca. No caso de Ribeira, o alumnado do certificado profesional de Actividades auxiliares...

+

O BNG de Dodro demanda máis persoal municipal

Desde o principio do mandato o BNG de Dodro está trasladando aos gobernos locais e autonómico a preocupación veciñal polo que é, nas súas palabras, "unha falta de investimento en Dodro" e "unha falta limpeza e asfaltado ao longo da estrada da Xunta AC-305 que vertebra...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Abusos e indefensión” – José Manuel Pena

“Abusos e indefensión” – José Manuel Pena

Cando existe unha emerxencia habitacional, todas as Administracións Públicas teñen que poñerse as pilas para garantir o Dereito á Vivenda, recoñecido na Constitución española así como en moito Tratados e Organismos Internacionais. Algúns nos preguntamos, actualmente,...

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.