
Continúan as investigacións, informes periciais, declaracións de testemuñas e actuacións xudiciais sobre a morte de 21 tripulantes do buque galego Villa Pitanxo. Un accidente marítimo que podería ter como responsables, tanto civil como penalmente, á empresa armadora e ao patrón do buque pesqueiro por presunta neglixencia.
Chama moito a atención o silencio cómplice e a covardía de moitos integrantes do sector pesqueiro. Saben das condicións terceiromundistas e precarias de moitos centros de traballo e a pesar de todo non se atreven a alzar a voz en contra de todos eses atropelos que, en ocasións, lévanse a vida de decenas de inocentes. Oxalá se faga xustiza para todas as familias afectadas en particular e do mar en xeral.
Algúns tripulantes cuestionan, en sede xudicial, a seguridade do pesqueiro, mesmo negan que se realizase ningún tipo de simulacro a bordo e que as xornadas son marotonianas de ata 24 horas de traballo. As medidas hixiénicas e sanitarias brillan pola súa ausencia, as relacións dos mandos co persoal son tensas e un longo etcétera de irregularidades que poñen os pelos de punta a calquera persoa que teña algún amigo, veciño ou familiar traballando nalgúns destes buques pesqueiros.



