
Abanca mantivo este mércores 22 de novembro unha xuntanza cos representantes das confrarías do sur da Coruña ante a incerta situación xerada polos últimos temporais que azoutaron as costas galegas e que ameazan o correcto desenvolvemento da inminente campaña de Nadal.
O director territorial de Abanca en Santiago, Juan Carlos Carneiro, e o director de Abanca Mar, Javier Fraga, conduciron esta tarde na capital compostelá un encontro de traballo que serviu para renovar os tradicionais convenios de colaboración que unen a ambas as partes desde hai anos, e no que tamén participaron outros responsábeis da rede comercial do banco e a coordinadora xeral de RSC e Institucional de Afundación, Pilar Alves.
Durante o encontro, os representantes dos pósitos mostraron a súa preocupación pola alta mortaldade de marisco nas rías de Arousa e Muros-Noia, tras un mes marcado polo exceso de choivas e a consecuente caída da salinidade da auga, con efectos especialmente desastrosos para os moluscos bivalvos.
Como “solución ante estes desafíos”, o banco presentou unha serie de alternativas para atender as necesidades de liquidez puntuais, con produtos adaptados como pólizas de crédito específicas para o sector. Ademais, contémplanse igualmente outras solucións, como anticipos de axudas, aprazamentos de impostos ou liñas de desconto, que permitirán reducir o impacto da diminución da produción. Completan esta oferta outras opcións destacadas como avais ou seguros especializados, entre outras.
“Todos estes produtos e servizos permitirán aos profesionais das confrarías facer fronte á situación actual, pero tamén poñer en marcha novos proxectos e mellorar aspectos fundamentais dos actuais, como o fomento da sustentabilidade, a mellora da eficiencia enerxética e a modernización das embarcacións, grazas a distintas solucións como a hipoteca naval”, informaron os responsábeis da entidade financeira galega.
Esta alianza estratéxica inclúe a un total de 17 confrarías do sur da Coruña: A Pobra, Aguiño, Cabo de Cruz, Camariñas, Camelle, Corcubión, Fisterra, Lira, Muros, Muxía, Noia, O Pindo, Palmeira, Porto do Son, Portosín, Rianxo e Ribeira.
O encontro serviu igualmente para trasladar aos profesionais das confrarías as distintas accións desenvolvidas no marco de PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial que impulsa a Obra Social de Abanca, Afundación. A responsael de RSC, Pilar Alves, explicou aos representantes das distintas entidades os detalles deste ambicioso proxecto, no que xa colaboran máis de 50 organismos de distintos sectores, e que ten como obxectivo a conservación das actividades socioeconómicas no medio marítimo. Durante a súa intervención, Alves expuxo as distintas vías de colaboración que abre esta iniciativa que, entre outras actuacións, permitiu retirar das costas de Galicia preto de 49 toneladas de lixo mariño desde que se puxo en marcha fai tres anos.



