
A ARE (Asociación Rianxeira de Empresarios) celebra este venres 24 o Black Friday “por todo o alto”. Desde as 18:00 horas a ARE organiza un evento especial con grandes oportunidades de aforro, entretemento e música para todos. Múltiples negocios asociados uniranse para ofrecer unha ampla gama de ofertas e promocións exclusivas, “abranguendo desde moda e tecnoloxía ata delicias gastronómicas na hostalaría”, en palabras da patronal rianxeira, que engade que tamén se porán a disposición da rapazada inchábeis e máis un touro mecánico.
Ademais, a ruleta da sorte da ARE agarda aos clientes do comercio asociado con premios especiais para quen realice as súas compras durante o xoves 23 e o venres 24. A ARE explica que para poder xogar na ruleta haberá que presentar un ou varios tíckets por un importe mínimo de 15 €. Os premios que se poderán conseguir serán: paraugas, mochilas, bolsas, e vales de compra entre outros.
A vertente musical e rítmica do evento (sesión DJ) virá a cargo de Mínimo Eventos. O obxectivo, sinala a ARE, é “crear un ambiente festivo para acompañar as compras e gozar da noite na praza de Castelao”.
E engaden: “Desde a ARE convidamos a tódolos veciños e visitantes a unirse a esta gran festa do Black Friday en Rianxo, un evento cargado de oportunidades e diversión para compartir en familia e coa comunidade local”.
Para obter máis detalles sobre as ofertas ou actividades, podemos consultar a web da ARE ou visitar as súas redes sociais.



