A axenda do Novembro Cultural en Ribeira vén con presentacións, exposicións, concertos, proxeccións e funcións teatrais

14 Novembro 2023

Presentación da axenda cultural de novembro en Ribeira nunha imaxe de Alba Cambeiro

A concelleira de Cultura, Antía Alberte e o concelleiro de Festexos, Francisco-Suárez-Puerta, presentaron este martes 14 de novembro toda a actividade cultural programada para este mes de novembro no concello, acompañados de Puri Cores, da Asociación Amas de Casa e Alexandre Fontán, director da Coral Polifónica de Ribeira. A axenda comeza este venres 17 ás 21 horas, coa inauguración dunha nova mostra fotográfica no CC Lustres Rivas, de Manuel Rodriguez Pena. O mesmo venres preséntase ademais o libro Exeria, de Marisa Vidal no Conservatorio de Aguiño, a cargo da Asociación Francisco Lorenzo Mariño.

O sábado 18 ás 20 horas, con motivo de Santa Icía, patroa dos músicos, o Auditorio Municipal de Ribeira acolle un concerto no que actuará a Coral Polifónica Municipal, baixo a dirección de Alexandre Fontán; e as cantareiras das Amas de Casa de Ribeira.

O martes 21 celebrarase o concerto do cuarteto Haydn en Guláns, promovido pola Deputación da Coruña, a través do Programa 4×3. O 26 de novembro ás 17:00 terá lugar no Centro Recreativo de Artes o acto de entrega dos premios Certame de Poesía da Asociación Albariza de Artes. Por último, o mércores 29 o CC Lustres Rivas acollerá a proxección do documental Lavadoiro de Ana Amado e Lois Patiño ás 19:00 horas.

Ademais, seguen as funcións da Mostra de Teatro de Ribeira. Farano o 17 de novembro con Feminíssimas (De STE Xeito Producións) e o 24 As que limpan (A Panadaría). A mostra rematará con Testosterona de Malasombra (o 1 de decembro) e con Criaturas (Grupo Municipal de Teatro de Ribeira), o 8 de decembro.

O concelleiro Francisco Suárez-Puerta reafirmou o seu compromiso de seguir a traballar para impulsar o tecido cultural no Concello e ampliar a oferta gratuíta de actividades e programacións.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.