
O Concello de Porto do Son, a través da área municipal de Cultural, vén de informar de que aínda estamos a tempo para visitar a exposición Ao Son da pintura, de María José Rodríguez. Poderemos contemplar as pezas da mostra na sala de exposicións da Casa da Cultura de Porto do Son até este venres 3 de novembro. A entrada é libre.
María José Rodríguez é unha artista de Vilagarcía que na exposición que podemos ver en Porto do Son achega unha colección de pezas (unha trintena) en formatos variados onde a pintura ten especial protagonismo, pero tamén a escultura e a cerámica e mesmo as pezas fabricadas con cartón pedra. Destaca a mostra non só polo seu carácter multidisciplinar (con variedades de técnicas e de estilos) senón tamén pola impactante paleta de cores e matices empregada.



