O concelleiro de Formación e Emprego, Roberto Lojo, participou este luns 2 de outubro na clausura e entrega de diplomas do Obradoiro de Emprego en Xestión Forestal Torre Goiáns II – Boiro. No acto estivo tamén a directora do Obradoiro, Lidia Santos, e o persoal docente da formación.

Un total de 20 alumnos e alumnas participaron nesta formación de doce meses de duración na que se especializaron en Aproveitamentos Forestais e en Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas. “Para nós a formación e o emprego son fundamentais na economía dun municipio e imos seguir apostando por cursos e actividades que fomenten a creación de emprego”, afirmou o concelleiro.
Durante os doce meses que tivo lugar o obradoiro, o alumnado contou cun contrato de traballo a tempo completo para a formación e aprendizaxe de 40 horas semanais. Ademais da formación teórica, o alumnado desenvolveu tarefas prácticas en espazos naturais do municipio así como outra formación complementaria. O concelleiro, Roberto Lojo, animou ao alumnado no camiño que lles queda por seguir: “Formásedesvos nun sector que está en auxe na nosa comarca e estou seguro que este curso vos vai abrir moitas portas para a vosa andadura profesional”.
O Obradoiro de Emprego en xestión forestal Torre Goiáns II – Boiro que o Concello de Boiro desenvolveu durante o curso 2023-2024 conta co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia no marco das subvencións para a realización de obradoiros de emprego na comunidade autónoma.



