As rexións europeas aproban en comisión o ditame galego sobre o futuro da pesca

05 Outubro 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe como relator no encontro da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) que se celebrou en Bruxelas. A reunión resultou na aprobación do ditame sobre o futuro da pesca e da acuicultura, liderado por Galicia en resposta ao paquete lexislativo relativo á contribución do sector á transición ecolóxica que publicou o pasado mes de febreiro a Comisión Europea.

Tal e como destacou Jesús Gamallo durante a súa intervención, “o marco político para a pesca e a acuicultura comunitarias, para ser aceptable, debe basearse nunha relación equilibrada entre as dimensións medioambiental, económica e social.” En liña con esta prioridade e en reacción ás medidas da Comisión Europea, a proposta galega aprobada na comisión NAT, aínda que sen perder de vista os obxectivos do Pacto Verde, fai fincapé na importancia de garantir que a transición do sector é xusta e gradual. Deste xeito, pon o foco tamén na protección tanto do benestar dos actores sociais que o compoñen coma da autonomía estratéxica e a soberanía alimentaria europeas.

As propostas do ditame sobre a pesca liderado por Galicia

Un dos compoñentes do paquete da Comisión Europea que máis preocupación está xerando no sector é a restrición no uso de artes de pesca. Dende a Xunta, alértase de que este tipo de medidas deben basearse en sistemas de datos precisos, tanto dos ecosistemas mariños como do estado da industria, co obxectivo de non provocar impactos socioeconómicos que comprometan a viabilidade da frota. Preocupa especialmente o veto á pesca de fondo, xa que a Comisión sobreestima o impacto xeral destas artes -cuxa pegada só afecta ao 3 % do fondo mariño- e desatende a importancia económica que teñen para as zonas costeiras europeas.

Outras propostas importantes recollidas no ditame que se aprobou hoxe son a reforma do sistema de control pesqueiro por medio de TACs e cuotas, a necesidade dun maior diálogo co sector á hora de tomar medidas, o maior apoio financeiro á renovación e descarbonización das frotas e a importancia de garantir a seguridade alimentaria europea por medio dunha organización adecuada dos mercados de produtos mariños.

O experto designado pola Xunta de Galicia para a elaboración do texto foi Antonio Basanta, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, que tamén asistiu hoxe á reunión no seo do CdR. Tras a súa aprobación en comisión, o ditame debaterase no pleno do Comité na sesión plenaria do vindeiro mes de novembro.

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do Comité das Rexións

No actual mandato 2020- 2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). A primeira elabora ditames en áreas como as políticas comúns de agricultura e pesca, o turismo ou a saúde pública.

O actual é o terceiro ditame do CdR liderado por Galicia en materia pesqueira. O primeiro deles foi relativo ao futuro da acuicultura na UE, aprobado no 2015, e o segundo, do 2018, ao Fondo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na última reunión da comisión NAT do Comité Europeo das Rexións, na que se aprobou o ditame de pesca liderado por Galicia

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...