A música tradicional e electrónica marcan este venres a Festa do Marisco (O Grove)

06 Outubro 2023

A LX Festa do Marisco do Grove arrincou este xoves 5 de outubro contando coa participación de milleiros de persoas procedentes de toda a xeografía galega pero tamén chegadas de moitos puntos de España e do estranxeiro. Este venres proseguen as actividades dun programa que vén marcado pola divulgación científica, a música e baile tradicionais e propostas electrónicas ata a madrugada.

Durante toda a mañá, desde as 9:30 horas, o Auditorio Municipal de O Grove acollerá a segunda e derradeira xornada do ForoAcui, o evento de divulgación e debate sobre os fondos mariños e a acuicultura nas rías galegas. A mañá comezará coa mesa de traballo sobre os 25 anos de produción piscícola en Galicia e continuará co debate sobre o último medio século de acuicultura. Ás 13:00 horas farase entrega das Mencións de Honra e media hora despois, do XVIII Premio ao Mellor Póster e Audiovisual.

Tras o peche da sesión no Auditorio, o XXV ForoAcui terá un acto máis: o XXXV Ciclo Cultivando o Mar, no que se analizarán os retos presentes e futuros do mexillón en Galicia. Será, a partires das 20:00 horas, na Sala das Cunchas do Concello.

Mentres, na carpa institucional celebrarase a charla sobre a Sustentabilidade no proceso creativo e aproveitamento dos desperdicios para crear novos produtos, impartida por AWA.

A maiores, a partires das 19:00 horas, a banda Paradanda-Mecos protagonizará no Cargo o Festival de Música e Baile Tradicional, co que achegará a cultura enxebre aos grovenses e a todos os visitantes doutras partes do mundo que se acheguen neste día á península do Salnés.

Será tamén ás 19:00 cando as casetas abran na quenda de tarde, despois de que pola mañá a carpa degustación comece a funcionar a partires das 11:30 horas.

Por último, unha vez pechen as caixas para adquirir os billetes cos que degustar os produtos do mar, a actividade trasladarase á carpa de concertos. Alí, as mesturas de DJ Payca e Djow Trece farán bailar a todos os presentes. Entre ambos os dous DJ`s, o músico e actor Leïti Sène ensinará o seu talento no rap. Deste xeito, O Grove pechará a segunda xornada da súa LX Festa do Marisco no que será a entrada ao primeiro fin de semana dun evento referencia internacional.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.