O BNG volve render homenaxe ás Mártires de Nebra e á súa inspiración de rebeldía

12 Outubro 2023

O BNG lembrou este 12 de outubro, nun acto público, aos Mártires de Nebra, a revolta de veciños e veciñas de Porto do Son que en 1916 rebeláronse contra o pago dun imposto que afectaba de cheo ao seu medio de vida, nunha loita agraria que para a deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, foi “un exemplo de dignidade e de mobilización de quen non aceptou a submisión ante o abuso do poder”.

Na súa intervención na homenaxe, Queixas lembrou que ese “exemplo cívico forma parte da memoria colectiva que nos pertence como pobo”, unha memoria que o centralismo dominante pretende ocultar “impoñendo a amnesia colectiva”. É a revolta “das persoas que se autoafirmaron na defensa da terra, que pelexan pola xustiza social”, recalcou, engadindo que foi “un exemplo que se repetiría moitas veces, tamén na historia recente, loitas populares en defensa do propio, como a revolta das labregas das Encrobas ou das marismas de Baldaio”. E apuntou:  “A terra para quen a traballa e a defende como parte do noso sustento e soberanía, fronte a quen pretende gobernar este país coma se fose unha colonia, un botín para engordar a caixa de beneficios doutros”, recalcou en referencia, ao espolio eólico auspiciado polas forzas estatais en beneficio dunha presa de multinacionais.

Co este acto, o Bloque volveu homenaxear “á xente do común”,  protagonistas dunha revolta que foi e aínda é “unha lección de amor propio, de defensa da igualdade, de orgullo por unha actitude ética ante a desigualdade”. Aínda hoxe, recalcou a deputada, “Galiza segue soportando a discriminación derivada do centralismo”.

E engadiu: “Aquel 12 de outubro de 1916, en Nebra, o himno da irmandade galega converteuse en semente, semente de vencer dunha rede de solidariedade e xustiza da veciñanza de Nebra que converteu a Ponte de Cans nunha ponte de dignidade tamén cara e o porvir. Esa revolta, e todas as que viñeron despois, demostran que os galegos e as galegas forman un pobo vivo e combativo, que non se resigna ante o abuso, que non acepta a indiferenza, que combate a irrelevancia á que nos queren someter”.

Queixas tivo tamén unhas palabras de lembranza para quen fora concelleira en Porto do Son, Ánxela Franco, “admirada e estrañada, como tantas compañeiras que hoxe dan o necesario paso adiante na defensa dunha nova Galiza, da Galiza que vén cargada de orgullo, esperanza e futuro, unha galega loitadora como Francisca, Ramona, Generosa ou Rosa, protagonistas dunha revolta de dignidade que, un ano máis, o BNG homenaxea”. No acto tamén participaron Santiago Suárez, integrante da asemblea local e historiador dos feitos, e Balbino González, portavoz municipal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.