O Concello de Ribeira adxudicou a construción de dous novos aseos para o público e unha cantina exterior no Complexo Deportiva Municipal da Fieiteira. O proxecto ten un orzamento de 83.490,00 euros e executarase nun prazo de 4 meses.

O Concello explicou que a día de hoxe utilízase como aseos para o público do campo de fútbol do complexo deportivo unha caseta prefabricada provisional, “que non reúne as condicións axeitadas para o seu uso e resulta insuficiente para o público habitual dos eventos deportivos que se realizan nas instalacións”, comentou o concelleiro de deportes Xabier Vidal, engadindo que o obxectivo deste novo proxecto consiste na dotación duns aseos masculino e feminino; e dunha cantina cuberta para o público. Para isto, executarase unha nova edificación ao oeste da grada existente, “ben illada e cos medios para impedir a presenza de humidade e auga das precipitacións, así como adaptada para persoas con mobilidade reducida”.



