O concelleiro do Mar, Fernando Abraldes e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, mantiveron este venres 20 de outubro unha reunión co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez; na que abordaron o estado das infraestruturas portuarias de Ribeira, Palmeira, Castiñeiras, Corrubedo e Aguiño. No encontro, os membros do Goberno municipal presentaron ao ente público un documento coa relación de elementos a reparar e propostas de mellora nos distintos portos do Concello.

No relativo ao porto de Ribeira abordáronse cuestións como a limpeza, os posíbeis usos para a antiga lonxa, as tomas de electricidade para os barcos, a necesidade de fechaduras para o acceso aos peiraos flotantes e o incremento de elementos de seguridade que poñan freo aos roubos continuos como as cámaras de vídeo-vixilancia. Tamén se abordou a cuestión da actual ocupación do espazo dedicado para avarías.
No que respecta ao porto de Aguiño, o concelleiro do Mar expuxo a necesidade de “arranxar o teito da nave das redeiras, os postes da luz, e o pintado para estacionamentos e para a delimitación de acceso á rampla.
“En Castiñeiras, tamén é preciso arranxar as fendas na rampla de atraque, moi deteriorada polo mar e a climatoloxía”, comentou Abraldes.
Por último, no porto de Corrubedo, é preciso “cambiar as argolas da rampla por estaren moi deterioradas e dotar dunha boa iluminación o porto” destacou Luís Pérez. Ante a sinalización instalada recentemente, “tamén solicitamos que se permita pescar en tódolos portos por ser unha actividade que non afecta aos usos destas infraestruturas”, afirmou Barral.
Pola súa parte, o presidente de Portos de Galicia amosou boa disposición ante as demandas formuladas para adoptar medidas que permitan solucionar os problemas existentes e permitan dar un bo servizo a todo o sector pesqueiro e á veciñanza do Concello de Ribeira.



