O alumnado do Certificado de Cociña do Obradoiro de Emprego Tahume VIII, no seu camiño de realización do Certificado de Operacións Básicas de Pastelería, visitou os días pasados as instalacións da Pastelería Noyva, en pleno centro de Ribeira onde tivo a sorte de recibir coñecementos teóricos e prácticos de repostería da man do mestre artesán Fernando “Noyva”. Fernando deu unha nova vida á tradición gastronómica da súa familia abrindo un novo local na praza da igrexa, na porta do Sol, local que dá continuidade ao histórico establecemento emprazado no seu día na rúa Santa Uxía-Lustres Rivas. Na visita das e dos participantes do obradoiro, Fernando amosou ao equipo de Tahume a maquinaria, os produtos de primeira calidade que emprega e un abanico de novas técnicas artísticas da pastelería.

O Obradoiro de Emprego Tahume vén da man dos Concellos de Porto do Son e Ribeira.
As dúas especialidades activas da oitava edición de Tahume (aparellos de pesca, por unha banda, e cociña, pola outra) comezaron a súa andaina o pasado 3 de outubro, sendo a súa finalidade favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas dos dous municipios (Ribeira e Porto do Son) a través de formación especializada, avanzada e dunha índole marcadamente práctica, poñendo o foco na mocidade local. Un total de vinte alumnos e alumnas participan nesta convocatoria, unha edición dual con dúas especialidades distintas: por unha banda operacións básicas de cociña e pastelería e, pola outra, confección e montaxe de artes e aparellos.



