
Folleando un libro sobre o testemuño de persoas que superan o século de existencia chama a atención que a lonxevidade está en relación á calidade de vida. A maioría deles seguen mantendo unha actitude aberta e positiva que lles axudou, ao longo da súa vida, a superar as adversidades, que non foron poucas.
Todas estas persoas centenarias venceron as dificultades a pesar da dor, a impotencia, o medo e a soidade. A maioría gozaron dunha vida baseada no duro traballo, a miúdo excesivo e no coidado obrigado dos demais, e actualmente o que queren é comer e non volver pasar fame, esquecéndose das penalidades sufridas na época da primeira metade do século XX.
Preguntados pola realidade social actual, a maioría deles mencionan espontaneamente que a miseria extrema e a fame, por fortuna, desapareceron da sociedade. Con todo, botan en falta os alimentos caseiros e naturais, maior respecto entre as persoas, máis comunicación e unión familiar.
Grazas a este traballo editorial con cen testemuños de persoas centenarias púidose elaborar un decálogo de normas para a lonxevidade que se podería resumir en alimentarse con produtos naturais e caseiros; gozar do aire libre; practicar exercicio físico; actitude positiva para superar dificultades; estar a gusto cun mesmo, ter, polo menos, unha ilusión e coidar as relacións cos demais. Xa sabemos logo o que non temos que facer se realmente queremos alongar a nosa existencia máis aló dos cen anos.



