O Concello de Boiro convocou unha liña de axudas destinadas a empresas e persoas autónomas para a contratación do alumnado participante no Obradoiro de Emprego en Xestión Forestal Torre Goiáns II – Boiro. As bases e toda a información está dispoñíbel na web municipal e a solicitude destas axudas debe presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Boiro.

O obxectivo destes incentivos á contratación temporal por conta allea é “facilitar a empregabilidade e ocupabilidade” das persoas participantes no obradoiro dual de emprego que o Concello de Boiro desenvolve durante o curso 2022-2023. “Con estas axudas búscase que o alumnado complete a formación práctica adquirida no transcurso do desenvolvemento do curso e abrirse camiño no mundo laboral”, afirmou o concelleiro de Comercio, Formación e Emprego, Roberto Lojo.
O importe destinado a esta liña de axudas é de 30.000 euros, cos que se incentivarán os contratos de traballo temporais cunha subvención fixa de 1.500 euros por cada traballador ou traballadora cun contrato mínimo de 3 meses a xornada completa. A contratación do persoal deberá comezar nos quince días seguintes á data de finalización do curso, prevista para o 2 de outubro.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas empregadoras ou empresas, sexa cal sexa a súa forma xurídica. As entidades ou persoas contratantes beneficiarias destas axudas deberán contratar á persoa nun posto de traballo directamente relacionado coa formación recibida no obradoiro nas especialidades de Aproveitamentos forestais ou Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.
A solicitude destas axudas deberá presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Boiro ata o vindeiro 22 de setembro, presentando o modelo de solicitude e a documentación requirida nas bases. Toda a información sobre as subvencións está dispoñible na web municipal (www.boiro.gal)



