
As novas xeracións de galegos, apegadas como están á pantalla das tablet e dos teléfonos móviles e das computadoras, posiblemente non saiban do mundo que perderon por non ter nacido antes e vivir, como vivimos nós, os maiores -para algúns ”os vellos”-circunstancias irrepetibles como as de sentar ao pé dun palleiro e contemplar os millóns de puntiños brilantes que latexaban na inmensidade do ceo sobre o couto da Miranda, en Cariño. Ou deitado, xa noite, na praia de Area de Secada, en Ribeira, escoitando as ondas ao se deitar ao pé das rochas e a escasos metros das paredes de pedra da antiga salga, e recreándote na inmensidade do ceo da ría de Arousa acugulado de estrelas.
Sei que todas esas estrelas están ahí, vixiantes permanentes dese mundo que a xente moza non pode sentir, hoxe, en toda a súa extensión; pero do mesmo xeito que os vagalumes seguen nos valos sen que se podan ver pola contaminación lumínica, tamén as estrelas semellan agocharse no infindo para os nosos fillos e netos.
Obviamente non é culpa dos integrantes desas xeracións. E, en certa medida, nen sequera sei se podo dicir en boa lei que existen culpables de que os moitos galegos de menos de 55 anos que nunca na súa vida viron en Galicia un ceo callado de estrelas, sexan conscientes de que coñecer esa imaxe que digo só polos medios antes citados -móbiles, computadoras ou tablets- sexa unha perda porque nada está perdido. Ahí segue, coma pendurada do ceo, puntiño a puntiño, esa reañodade. Mais temos que adiviñala porque non a vemos, como tampouco vemos a luz oscilante dos fachuzos de palla cos que alumeabamos o noso camiñar polos carreiros e camiños de aldeas e pobos dunha Galicia na que se escoitaba de día o canto do cuco e, pola noite, o ouvear do golpe nas rochas dos Túneles e as reviravoltas da Garita ao outro lado do mundo da Curota ou o Pindo.
Imposible recuperar esas imaxes, por moito que as poidamos contemplar nas devanditas pantallas. É como querer reproducir o recendo dunha colleita de froita -pexegos, peras, mazáns, claudias, cirigolas…- amoreadas no faiado para encher de mil cheiros cada curruncho da vella casa de pedra.



