O Goberno de Ribeira fixo balance dos acordos acadados no pleno ordinario da Corporación local deste luns 25 de setembro, no que se aprobou a conta xeral do ano 2022. O equipo do Executivo puxo o foco na existencia de proxectos europeos de “contías moi importantes con moi pouco nivel de execución”. Segundo fixeron saber, “atopámonos con que estes orzamentos tiveron un nivel de execución real dun 45%”, declarou a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso.

No pleno aprobouse o convenio de colaboración entre os Concellos de Ribeira e Porto do Son para a execución do Obradoiro de Emprego Tahume IX e a solicitude conxunta dunha subvención para a formación nas especialidades de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
No tocante á participación na segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal Adicional, a pesar de que foi aprobado por unanimidade, o equipo de Goberno destacou “a necesidade de adicar a gastos de mantemento e conservación de instalacións municipais e funcionamento de servizos o importe do POS adicional 2023 que ascende a 334.897 euros”. Isto, sinalaron, “vén motivado polo incremento de gastos a causa da revisión de prezos de varios contratos entre eles o do alumeado público que tiña pendente a actualización de prezos do ano 2018”.
Ademais, no transcurso do pleno o Concello anunciou que abrirá un expediente de imposición de penalidades ao contrato de obras do novo Auditorio de Ribeira “por incumprimento do prazo de execución”. Herminia Pouso declarou que “a obra, licitada polo anterior equipo de Goberno, está a consumir inxentes cantidades de recursos públicos” e incidiu na carga económica que este novo inmóbel supón para o Concello e “na consecuente merma de recursos para adicar a outras cuestións”.

No relativo á aprobación dos festivos locais, e atendendo á demanda da Asociación de Hostaleiros de Ribeira, cuxa representante solicitou a intervención no pleno, aprobáronse (coa abstención do PP), os festivos do martes de Entroido e a Dorna pola “significancia económica para o comercio e a hostalaría local” segundo explicou a portavoz do BNG Cruz Rivadulla.
Doutra banda, tamén se aprobou un suplemento de crédito para “facer fronte ás facturas de pago e derivas do anterior Goberno” como explicou Herminia Pouso, quen aludiu aos “desfases nas arcas públicas que supoñen unha carga económica moi pesada para tódolos ribeirenses”.
Pola súa parte, o rexedor Luís Pérez explicou a obriga do actual Goberno de adicar 873,198 euros do remanente para facer fronte a pagos tan importantes como as subvencións ás ANPA “que levaban 4 anos sin pagarse” ou medio millóns de euros para facer fronte á actualización dos prezos da obra do Auditorio; e incidiu na necesidade de salvagardar os intereses da veciñanza e “velar por cada euro que se gasta dos cartos públicos”.



