O BNG de Rianxo mostra o seu apoio ás reivindicacións laborais dos bombeiros dos parques de Boiro e Ribeira

27 Setembro 2023

O BNG de Rianxo, a través do seu portavoz Xusto Ordóñez Figueria, formulou para o seu debate e aprobación plenaria unha seguinte moción relativa á preocupante situación laboral na que se atopan os bombeiros de Boiro e Ribeira. Segundo lembra o grupo municipal na exposición de motivos, A Coruña, Lugo e Pontevedra e finalmente Ourense procederon desde o ano 2019 até hoxe a rescatar para a xestión pública e directa os parques comarcais de extinción de incendios e salvamento que até ese momento realizaban empresas privadas. Porén, explica o BNG, malia que a xestión do servizo de extinción e salvamento nos ditos parques comarcais pasou a realizarse directamente dende os propios Consorcios Provinciais, aínda non se produciu a total integración do persoal que prestaba servizo nos mesmos. Polo tanto, recorda o grupo nacionalista rianxeiro, “o persoal indefinido das empresas privadas que xestionaban os parques de bombeiros comarcais e cuxos contratos subrogaron os respectivos Consorcios Provinciais a día de hoxe non ten recoñecida a condición de persoal laboral fixo dos Consorcios”.

O BNG lembra tamén que o Tribunal Supremo na súa sentenza de 28 de xaneiro de 2022, en resolución dun recurso de casación para la unificación de doutrina RCUD, recoñeceu a condición de persoal laboral fixo das traballadoras que pasaban dunha empresa privada á Administración Pública en virtude de subrogación tanto laboral como da actividade que desempeñaban. Nesta decisión o Tribunal Supremo excluía ao persoal que adquirira a condición de indefinido en virtude de contratacións realizadas en fraude de lei, ou que a súa actividade profesional non fose obxecto de transmisión ao sector público.

“Malia isto”, explican, “o persoal destinado nos diferentes parques comarcais dos distintos Consorcios Provinciais, nos que participa a Xunta e a Deputación Provincial respectiva, non dispón dos mesmos dereitos laborais, manténdose as diferenzas derivadas das condicións de traballo que tiñan na empresa privada de orixe”. É por iso que a asemblea xeral extraordinaria de bombeiros de Parques Comarcais acordou a convocatoria dunha folga en todos os Consorcios Provinciais e nos 24 parques comarcais, así como a suspensión dos apoios e servizos voluntarios, reducindo as prestacións laborais ás estritamente obrigatorias por contrato laboral.

Para o BNG, esta situación de conflitividade laboral “vén derivada da persistente negativa da Xunta de Galiza á aplicación e seguimento da doutrina do Tribunal Supremo no que atinxe ao recoñecemento da condición de persoal laboral fixo ao servizo do Consorcio Provincial correspondente, e da aprobación dun convenio colectivo que equipare as condición laborais e profesionais de todo o persoal dos parques comarcais contra Incendios de Galiza”.

Estas son as peticións que propón o BNG de Rianxo:

1.-A integración como persoal laboral fixo dos Consorcios Provinciais contra Incendios e Salvamento de todo o persoal no que concorran as condicións establecidas na sentenza de 28 de xaneiro de 2022 e coas condicións e requirimentos establecidos na referida resolución xudicial.

2.- A elaboración e aprobación, previa negociación conxunta coas Deputacións Provinciais e coa representación das traballadoras, dun convenio colectivo para todos os Consorcios Provinciais de Galiza.

3.-Dotar dos equipos técnicos e humanos que se demandan por parte do persoal dos parques pois “entendemos melloran as prestacións á veciñanza dos dous parques que dan servizo á nosa comarca”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.