O Goberno local de Ribeira confirmou que vai fortalecer con diversas medidas o servizo de socorrismo nas praias de cara ao vindeiro ano. A decisión tomouse tras varias xuntanzas con traballadores do servizo. O alcalde Luís Pérez comprometeuse a reforzalo cun medio acuático a

motor para que os traballadores poidan realizar rescates “de xeito seguro e eficiente”. Amais ampliarase o servizo do verán dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro; e tamén durante a Semana Santa.
Os socorristas Fernando Sanmartín e David Torres destacaron o número de rescates acuáticos que realizan ao longo de todo o verán (25 neste 2023); e recalcaron “a necesidade de contar cun medio acuático a motor para poder intervir en zoas de difícil acceso e nas que a extracción e asistencia á persoa é complicada”.
Segundo destacou Marcos, “en liñas xerais foi un bo verán e grazas aos profesionais dos que dispoñemos (12 socorristas acuáticos e 8 terrestres) resolvéronse tódolos rescates e incidencias sanitarias e non houbo ningunha vítima mortal”.
Marcos Fernández é coordinador xefe do Servizo de Salvamento e Socorrismo e responsable do GAEM de Ribeira.
Pola súa parte, o alcalde Luís Pérez agradeceu o “magnífico traballo que fixeron os socorristas e os membros do GAEM durante todo o verán a pesar da perigosidade de praias como a Ladeira ou o Vilar” e recalcou o seu compromiso de “reforzar o traballo de socorrismo dende o Goberno municipal e de profesionalizar o servizo”.



