O alcalde de Ribeira e a concelleira de Educación, Luís Pérez Barral e Cruz Rivadulla, mantiveron este mércores 27 de setembro unha reunión con representantes da empresa Monbus. Na xuntanza, na que tamén estiveron presentes os directores dos institutos Nº 1 e Leliadoura e membros da Policía Local de Ribeira, trasladáronselle á empresa tódolos problemas que se están rexistrando
de xeito recorrente no transporte escolar. A empresa comprometeuse a adoptar medidas para facer fronte ás deficiencias que se detectaron nas distintas parroquias do concello e vaise estudar de xeito conxunto a reestruturación dalgunha liña para “evitar que os rapaces queden en terra ou cheguen tarde ao centro escolar ou ás súas vivendas”, explicou a concelleira Cruz Rivadulla.

Con respecto ao alumnado do Nº 1 avaliranse medidas para resolver os problemas nalgúns puntos conflitivos en Palmeira ou na parada das Abesadas; e no caso do alumnado do Leliadoura Concello e empresa xuntarán forzas para mellorar a ruta Padín-Frións e Pobra-Frións que dá servizo a Palmeira e Deán.
Na parroquia de Corrubedo a empresa comprometeuse a ampliar o número de prazas desa liña para evitar que “o alumnado quede sen transporte”.
Dende o equipo de Goberno tamén se lle trasladou a Monbus a necesidade de ampliar a información dos seus horarios nas marquesiñas. A empresa procederá a detallar a información dos horarios actualizados mediante códigos QR e imprimir cartaces para as paradas máis concorridas.
Ademais, instouse á empresa a cumprir os horarios para evitar atrasos da circulación das liñas.
“Por parte da empresa houbo boa disposición para tratar ese problemas e tratouse incluso unha posíbel mellora do transporte dende Ribeira ata Santiago de Compostela” explica o rexedor, engadindo que “pola nosa parte seguiremos vixiando o cumprimento dos servizos para que estas medidas se cumpran e velaremos polos intereses de toda a poboación que usa o transporte público”. Neste sentido, explicou que Policía Local dará continuidade ao traballo de levantar acta dos incumprimentos que se detecten e trasladaranse á empresa.
Por último, e ante a infradotación de prazas de varias liñas, Luís Pérez destacou que lle trasladarán á Xunta unha petición para reconfigurar as rutas e ampliar prazas nas distintas liñas de bus que dan servizo aos escolares.


